Calquera tempo pasado foi mellor?

Pepe Formoso O FARO

CARBALLO

ANA GARCIA

Lembro as rúas onde se atopaban os pubs e as discotecas ateigadas de tanta xente

12 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembro as rúas onde se atopaban os pubs e as discotecas ateigadas de tanta xente que custaba traballo crer que, dentro, os establecementos tamén estiveran abarrote, pero estaban.

Eran uns tempos que ninguén imaxinaría que evolucionaran no que temos hoxe. Non son bos tempos para a lírica, nin para os bailes en pubs e discotecas.

Todos os enclaves da movida xa non son o que eran. Quedan locais, redutos diría eu, do que foi e xa non é. Non os enumeraremos por non deixar a ninguén fora, pero si que é certo que cambiaron os costumes e as formas do que hoxe en día entendemos por ocio nocturno.

Atopar os motivos xa daría para unha tese doutoral. Mentres, poderiamos desgranar un avance: a xuventude incorpórase máis tarde ao mercado laboral, menos recursos económicos, o xeito de entender o ocio, os botellóns... Estes e moitos outros para comezar a enumerar. É certo, que grazas a isto, os veciños descansan máis tranquilos e os locais que aínda aguantan o tirón teñen menos competencia e xa se poden considerar únicos e exclusivos.

Esa nostalxia que o cubre todo cando botas a vista atrás tráeche aínda sons da sala de festas A Xunqueira, do Guetobar, da disco Pipol, das Dudas disco, disco Mikro e das diferentes cabinas onde me tocou exercer de aborixe dunhas tribus musicais que ansiaban espantar os demos e conxurarse cara unha vida futura! Esta vida, que nos volveu menos tribais, máis solitarios e máis dependestes dos likes que de menear o esquelete! Pinchadiscos ése toda a vida!

*Pepe Formoso é presidente da Asociación Profesional do Sector Turístico da Costa da Morte (APTCM).