O prazo está aberto ata o día 15, tanto na modalidade escolar como na de adultos
09 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Que bula a imaxinación, os bolígrafos ou as teclas! Queda algo menos dunha semana, ata este vindeiro mércores 15 de outubro, para facer chegar contos e relatos ao certame literario Territorio Vákner, convocado por La Voz de Galicia e Concello de Dumbría, e este ano con padriño a estrear, o escritor Rodrigo Costoya. Xa un bo número de veces subiu o carteiro ata a redacción carballesa, na rúa Gran Vía, para facer entrega de textos na modalidade de maiores de 16 anos, máis cómpre lembrar que tanto a título individual nesta categoría, como na escolar, está aberto o prazo de participación. Restan uns días para espelir a creatividade e que esta frutifique en contos e relatos de misterio, medo ou terror directamente. A convocatoria toma como referente o Vákner, ese monstro, tal vez lobishome, que o bispo armenio Mártiros narrou terse atopado alá polo 1493 mentres peregrinaba ao finis terrae. Territorio Vákner, por tanto, pretende contribuír a agrandar a dimensión literaria, non só desta figura, senón do Camiño a Fisterra e Muxía en xeral.
Na modalidade escolar, pode participar alumnado de terceiro ciclo de primaria —cursos quinto e sexto—, así como de secundaria de centros polos que pasa esta ruta: Santiago, Ames, Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra e Muxía, ademais de Vimianzo e Carnota, nos que hai estudantes de Dumbría. Deberán achegar un texto inédito, en galego, con 1.500 caracteres como máximo, espazo incluídos. Cada centro deberá enviar os textos identificados a eventos.carballo@lavoz.es ou ben ao enderezo La Voz de Galicia, rúa Gran Vía, 84, 1.º, 15100, Carballo. Os menores de 14 anos farán chegar ademais a autorización anexa ás bases asinada polos pais ou titores legais. O centro do alumno ou alumna gañadora farase con 750 euros: 1.500 en total.
No apartado dos maiores de 16 anos, deberán ser os relatos tamén inéditos e en galego, cunha extensión mínima de 4.000 caracteres, espazos incluídos, e máxima de 6.000. Terá o galardón contía económica no caso do primeiro posto (2.000 euros) e do segundo (1.000). Os relatos han de facerse chegar fisicamente ao enderezo mencionado —rúa Gran Vía—, identificados só con lema e pseudónimo, mais acompañados dun sobre pechado cos datos persoais do autor ou autora.