Destrución

Vicente de Lema ONDA MAINA

CARBALLO

BASILIO BELLO

05 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O lume deixounos a alma murcha este verán. As lapas devoraron o noso verde. O noso ser. Montes que durante moito tempo teñen sido o soporte financieiro das economías agrarias son agora espazos de abandono e desidia. Prados que eran ben coidados, con talas periódicas coas que se ían rareando as árbores, podía un case andar descalzo por moitos deles. Eran tempos nos que se tiñan estes espazos case sacralizados. Era un ben que cotizaba nos valores colectivos. Non caía unha pedra dun valo sen que se repuxera ao día seguinte. Piñeirais e carballeiras cheas de vida, de contos e de historias. Cada ferrado tiña un vencello case umbilical coas familias. Eran tempos. Os montes agora son espazos de esquecemento, con toxos xigantes que feren polas espiñas e polo aspecto. Son selvas que non se poden penetrar. Non hai compaixón no trato que se lles dá. Non xa polo desleixo. Cando as empresas madeireiras van sacar proveito do seu froito arramplan con todo. Non quedan camiños ao dereito, as sendas e vellos vieiros de andar fican en fondos lamazais. Desfán valados a eito, sen que repoñan unha pedra. Calquera elemento patrimonial corre risco pola falta de atención, coñecemento ou intención. Deixan ramaxe guindada, árbores caídos, mesmo en regatos. Son métodos desbastadores, cos que non se respecta nada. Se os nosos devanceiros viran como tratan parcelas ás que eles lles dedicaron tantos mimos, tantas horas de labor, tantos suores e tantas penas, pensarían que estarían noutro mundo. En terras bárbaras nas que se retrocedera a tempos de insensibilidade. Unha cousa é sacarlle beneficio á madeira, e outra, destruír.