En primeira persoa | Quen diría que ía ter dous traballos discográficos. Sigo estudando, ilusionadísima
08 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Inda que son médico por vocación, dende ben pequena a miña devoción é ser cantante. O meu primeiro contacto coa música foron os vinilos das películas de Disney alá polo 1973. Meus pais tiñan un tocadiscos de maletín precioso que trouxeran de Francia e cantaba a pleno pulmón ao ritmo de xalacabula machicabula bibidiba bidibú.
Na miña casa había moita música. Meu pai cantaba e tocaba a harmónica, e no 1500 verde poñíase a Antonio Machín, a Los tres sudamericanos, a Los Panchos…
No colexio fun un torbellino (iso din). Estaba en baile rexional coa señorita Charo e xa cantaba nas festas de fin de curso do colexio Fogar. Era moi pallasa... Cando a señorita Sira nos deixaba soas na aula, imitaba a Paloma San Basilio cantando ‘‘juntos un día entre dos parece mucho más que un día”, e as miñas compañeiras morrían coa risa. Así era que, aínda que os meus resultados académicos eran bos, pasaba bastantes ratos no pasillo mirando cara a parede castigada.
Coros: da Igrexa á Universidade
Xa cos 13 anos, chega á miña casa o vinilo de Aretha Franklin Lady soul e, despois, Barbra Streisand, comprados cos meus cartos. Nesa época fíchame o párroco Don José para o coro da igrexa e eu encantada, claro, porque así librábame de meus pais e irmáns, e podía estar cos meus amigos Pedro, Javi Santos, Ana, Javi Valle, Xosé… e ademais, cantar. O párroco da parroquia San Xoán Bautista sempre foi un home con moitas inquedanzas e andaba seguido a lear cousas para os rapaces, así que naquela época, o meu tempo libre xiraba en derredor das xentes do Teleclube e da parroquia.
Si, isto de cantar ía moito comigo. Nas idas e vidas da igrexa, topei con un rapaz guapísimo que cantaba marabillosamente ben e, ademais, tocaba a guitarra. Chamábase Andrés. Buf, iso xa era outro nivel: el estaba nun grupo con xente consagrada na música (había de Xocaloma!), que actuaba por toda Galiza. Andrés, que xa era máis que amigo, levoume a facer unha proba e colléronme! Era cantante de Marea Baixa!
Metida xa nos meus estudos de Medicina en Santiago, entro tamén no coro universitario despois de pasar unha proba. Aquí aprendo moito de técnica coa directora Margarita Guerra.
Remato a carreira e marchamos a vivir primeiro á Coruña, e logo, para Asturias, co meu disco de Aretha debaixo do brazo nas mudanzas, que non tiña onde reproducilo, pero alí estaba cos meus libros. Viñeron anos de moita concentración na profesión coa preparación do MIR, a formación como especialista e o exercicio nas urxencias hospitalarias. Anos de estudo, de traballo, de investigación e formación continua nas emerxencias. Anos de maternidade e familia.
Cando tiña 40, xa de volta en Carballo e co disco de Aretha xa no seu sitio definitivo, pegoume unha volta a vida e comezo clases de canto con Agustín Fernandez Galisteo, meu mentor até o día de hoxe. E dende aí, xa con estabilidade laboral, entrégome completamente á música no meu tempo de lecer.
Tendo a necesidade continua de facer cousas novas nace DUDE, con Xosé Buño, Andrés, Dito e Fernando. Formo parte de SONSEIS, grupo vocal co meu amigo Pedro e con Marisol Pose, Joaquina, Maica Mariño e Carlos. Cos micros abertos do Casino, Andrés e mais eu creamos Quercus Blues facendo versións. Colaboro nos Currunchos Pop da man de Xavier Graña con xente de calado como Sid Griffin, Juancho López, Miguel Cabana, Héctor Martínez e Castor Montes.
Con Quercus Blues a cousa púxose máis seria en tempos de pandemia. Andrés mais eu decidimos, animados polo noso amigo Juancho de discos Lizard, compoñer os nosos temas e gravalos nunha maqueta para ter material de presentación do dúo.
E así até o día de hoxe co noso segundo traballo, Cara a Cara, estreado hai unha semana.
Quen diría que ía ter dous traballos discográficos. Eu aquí sigo, estudando, agora piano, para ter un instrumento co que acompañar a voz. Ilusionadísima co proxecto de ser cantante, como Aretha, como Etta, como Barbra, como Amy. O que sen lugar a dúbidas podo dicir é que me sinto moi orgullosa de que Aretha mais eu sexamos compañeiras... de estantería.
DNI
Huguette naceu en Carballo no ano 1966. «Tivérame gustado ser cantante profesional, a música era o primeiro para min, e a medicina o segundo. Pero meu pai non me deixou. «Hoxe estoulle agradecida, todos sabemos o complicado que é ser artista neste país. Gáñome a vida sendo médica e grazas a iso podo permitirme o luxo de ser cantante», dixo nunha entrevista na Voz no 2024. É un dos corazóns do grupo Quercus Blues, o outro é o seu marido, Andrés Rey, Andy King. En ocasións, son unha banda de cinco.