Música, letras e artes escénicas para este xoves na Costa da Morte 

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

A conmemoración do 17 de maio aínda continúa en localidades como Carballo

22 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Xoves 22 de maio e así se presenta a xornada na Costa da Morte:

Carballo

Presentación de «Mundo turbio». Fernando Alfaro, músico con ampla traxectoria ao fronte de Surfin’ Bichos ou Chucho, mais tamén en solitario, iniciará esta tarde en Carballo unha breve xira por Galicia para dar a coñecer «Mundo turbio» (Editorial Contra), o libro que reúne a súa primeira novela e cancioneiro completo. O formato da presentación será sumamente orixinal, unha escenificación das vezas seguindo o eixo do libro. Ás 20.00 horas, no Casino, estará acompañado polo escritor Luís Boullosa.

Últimos actos das Letras Galegas. O programa Canta miña compañeira, creado para render homenaxe ás cantareiras e tocadoras e á nosa música con motivo do Día das Letra Galegas, enfila despedida. Entre as citas, a celebración de foliadas nos institutos do municipio, coa colaboración dos grupos de cantareiras do Concello. O obxectivo: achegar a tradición musical oral aos centros de ensino. Esta iniciativa está organizada pola Concellaría de Cultura coa colaboración da Asociación Cultural Nemeth e da Asociación Cultural Escola do Alprende. A primeira das citas, hoxe coa Escola do Alprende, ás 10.00 no Monte Neme e ás 12.00 no instituto Alfredo Brañas. 

Cee

Semana das Artes Escénicas. Continuará ata mañá a programación, hoxe con dúas sesións, iniciativa do instituto Fernando Blanco. A primeira será ás 11.30, «Terapia real», para alumnado da ESO, de primeiro de bacharelato e de ciclos. Ás 20.00, xa para público xeral, mais igualmente no salón de actos do centro educativo, con acceso de balde, será a quenda de «Maribel e a estraña familia».

Santa Rita. Festividade no santuario Virxe da Xunqueira, con misas ás 09.00, 12.00 e 20.00. Este ano, ademais, confeccionouse un arco de rosas en torno á imaxe da santa, pois cúmprense o 24 de maio os 125 anos da súa canonización por parte do papa León XIII.

Carballo

Sétima Semana da Música. Iniciativa do departamento de Música do instituto Parga Pondal. Hoxe terá lugar o tradicional concerto de todo o alumnado de música do centro. O fío condutor deste ano é unha excursión do alumnado a Madrid. Mentres avanza a historia, interpretarán unha ampla selección de pezas: será ás 12.00 horas, no Pazo da Cultura.