As festas

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

06 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Nadal doce, doce Nadal. Acaban estas datas especiais e unha sente o alivio comedido de deixar de dicir felices festas ou impostar un sorriso voraz nas facianas. Non todo o mundo é feliz no Nadal. Digamos a verdade. Non todos os nenos reciben xoguetes aínda portándose ben. Os reis ás veces quedan atorados no deserto e non chegan por moito que apuren. Nas casas hai desidia, enfermidades, soidade ou bótanse en falta persoas á mesa. As persoas que sufriron a riada de Valencia aínda non teñen casa. Hai xente que cea soa, rodeada da quietude pesada de pasar estas datas en soidade. As circunstancias da vida dificilmente mudan nas festividades.

A pesares de todo, hai xente que só ve luces, consumismo e algarabía. En Belén, a Palestina bélica de hoxe, Xesús naceu na máis estrita austeridade. Na pobreza absoluta que consome dous mil anos despois tantas familias palestinas. Evolucionamos tanto e tan pouco en milenios. Non se trata de vivir cun economismo voraz en decembro pero si de ser conscientes da realidade que asola moitas casas e xeriátricos. Morrer en Nadal é tristísimo, malvivir en Nadal é moito peor. Quizais deberíamos preocuparnos menos polos aguinaldos e facer por tomar un café con aquel que non pode ter mais diversión. Compartir o alento e as palabras en tempo de desasosego. Despois temos aqueles que envolven os problemas en xoias de leite materno ou ensinan estampiñas ridiculizando o Corazón de Xesús como grande valentía. Non sei se é peor o emisor da mensaxe ou aqueles que dende o radicalismo máis feroz reaccionan a semellante ridiculez. Enmascarar os problemas da sociedade en papel relocente nun exercicio de crear espectáculo grotesco. Polo momento, xa lles aviso, poden deixar caer o antifaz que puxemos durante semanas. Acabáronse os bos desexos e comeza un ano máis de suba de IPC, costa de xaneiro, suba da AP-9 e moita infamia. Empezar con positividade un 2025 sen precedentes. Gozar dos anos veinte con premura ata que se acaben.