O país do sol nacente e a costa da morte do sol

CARBALLO

JM Martín Olalla / Jorge Mira

A semente está plantada. Parece que ambos extremos, Fisterra e Nachikatsuura, estaban destinados a conectarse

11 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Xapón en lingua xaponesa dise /Nippon/, que literalmente significa «país do sol nacente». É unha imaxe correcta, porque esas illas nas que viven 125 millóns de persoas marcan a fin de Asia (obviando a zona da Rusia polar). Dende alí, tirando cara ao leste, só está o Océano Pacífico; non se toca terra en 9.000 km ata chegar a California, en América.

É un país cun altísimo desenvolvemento tecnolóxico e industrial: a terceira potencia mundial, tras EE. UU. e China. Pero compaxina a modernidade cun gran coidado na preservación da súa identidade, tradicións e símbolos. E o seu símbolo principal é a bandeira nacional, que representa o sol nacente.

Por iso non tiven a menor dúbida de que lles causaría unha fonda impresión unha circunstancia astronómica: hai uns días nos que o momento no que sae o sol nacente nipón coincide co momento no que se pon o sol na Costa da Morte. E o lugar idóneo para facer o cálculo é no final do seu camiño de peregrinación, o Kumano Kodo, unha ruta que buscaba a fin do mundo oriental. A historia marcou ese punto extremo na vila de Nachikatsuura (15.000 habitantes), pertencente á prefectura de Wakayama (algo máis dun millón de habitantes).

No outro lado do mundo, a Costa da Morte é a imaxe simétrica. Tirando cara ao oeste só está o Atlántico, non se toca terra en 5.500 km ata chegar a Boston. E as orixes do Camiño de Santiago posiblemente fosen unha ruta para buscar a fin do mundo occidental.

A busca consistiu, pois, en atopar os días nos que cadra ao mesmo tempo o amencer en Nachikatsuura co solpor na Costa da Morte. Por mor do baile anual do eixo de rotación terrestre, hai dous días de coincidencia, que resultaron ser abofé singulares: o 17 de maio (día das Letras Galegas) e..., ollo á casualidade, o 25 de xullo, día de Santiago Apóstolo. Dous días arredor do solsticio de verán. Hai outros dous (27 de novembro e 18 de xaneiro) ao redor do solsticio de inverno, nos que o amencer da Costa da Morte é simultáneo co solpor de Nachikatsuura.

As datas poden ter unha variación de tres días arriba ou abaixo, xa que os fenómenos de refracción atmosférica poden alterar as horas de amencer/solpor (iso á marxe de que a altura de observación tamén as altera), pero estas fermosas sincronías permiten pensar en actos sinxelos e con impacto visual, como unha videoconferencia entre xaponeses e galegos neses días, para contemplar o sol saíndo polo Océano Pacífico mentres nese mesmo momento se está afundindo no Atlántico.

A idea gústalle aos xaponeses, e moito, porque vai no seu ADN identitario. Comprobámolo a pasada fin de semana en persoa co gobernador da prefectura de Wakayama e o alcalde do concello de Nachikatssura, que viñeron a Fisterra a asinar un convenio de colaboración. A semente está plantada: o alcalde de Nachikatsuura dicíame que con todas estas coincidencias parece que ambos extremos estaban destinados a conectarse. Confiemos agora en que a planta que une a estes dous extremos de Eurasia medre vizosa.