Por qué estoy frío si hoy hace calor? / Yo iba a ser un gran tío, todo un ganador / ¿Será que no es lo mío esta competición? Así comeza una canción de Los Enemigos titulada Septiembre. Preguntas que, entre outras moitas, debera estar a facerse hoxe Alberto Núñez Feijoo, xa que cando case todo o mundo sospeitaba, comentaba e publicaba que o candidato a presidente, proposto polo Rei de España, non estaba en condicións de cadrar ese semicírculo parlamentario que saíu das urnas en xullo para poder formar goberno, os únicos que andaban polas Batuecas eran el e os seus asesores. Por suposto que, como lista máis votada, ten todo dereito a postularse. Mais a realidade é tan terca que, salvo de producirse un Tamayazo, sempre remata por vencer aos ideais. Triste, non si? Un quixera vivir sempre en agosto!
A estratexia destes aprendices de Maquiavelo parece clara: gañar tempo para que se convoquen novas eleccións. Algo que pode ocorrer se tamén Puigdemont se empeña en pedir un ceo que só existe na súa cachola. Aínda que pedirlle ao «demo» Sánchez un pacto para liquidar «o inferno» sanchista cunha proposta tan peregrina e baleira de contido como a que o PP lle fixo onte ao PSOE, ou pretender formar unha gran coalición ao estilo alemán cando levan unha eternidade sen renovar un Consello do Poder Xudicial moribundo e desprestixiado, é de rir por non chorar. O resultado das urnas dinos con claridade que vivimos nun país plural, e co recoñecemento desa diversidade hai que procurar avanzar e convivir. Para iso debe servir a política. Menos mal que setembro é un mes contraditorio, a cabalo entre o paraíso e o purgatorio, porque como diría o amigo Gabriel Pérez Suárez o outono vén quente.