Con esas pedras duras, que a erosión e o tempo foron modelando traballa Nando Pereiro nesa enigmática exposición que aínda poden ver na Galería de Arte Garabato de Mon Lendoiro. Seixos tallados que o artista define como «xeomorfos intervidos pola mente na procura do equilibrio dentro do caos, da sutileza alén da ironía, do autóctono en danza co universal. E... Viven! Malia que semellen ollarnos dende unha galaxia moi afastada na que ter un corazón de pedra non impide translucir os sentimentos». E vindo dunha campaña electoral tan pouco cristalina, emborrallada, destrutiva, personalista e opaca, tendo a pensar que esas palabras coas que o escultor define o seu traballo, o seu mundo, son metaforicamente clarividentes se as aplicamos á práctica da política en España. Non quero dicir que os políticos, en xeral, teñan corazón de pedra, aínda que tampouco podo asegurar que busquen ningún tipo de equilibrio. Máis ben considero que se moven perfectamente nese caos que algúns deles provocan para que o cidadán viva nun estado de catarse permanente. Os resultados son coñecidos. Agora xa son de verdade, non enquisas máis ou menos manipuladas. O que quedou de primeiro non gañou, por moito que bagulle coa cantarela da lista máis votada, (inconstitucional, por certo), e o segundo (recoñecido alquimista) vai intentar cadrar un círculo que pasa por romper con certos anatemas que en política só son salmodias para incautos. Porque a política é precisamente iso, solucionar e resolver problemas por encargo. Ir a outras eleccións sería un fracaso porque o único certo é que o resultado das urnas parécese moito ao País diverso e plural no que vivimos (versátil, en termos sexuais).