Basilio Bello

07 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Renovarse ou morrer. E polo que vemos, en canto a imaxe, abrimos o telón da próxima edición cun cartel que rompe coa tradicional iconografía de Gende Estudio, (merecedores, tanto Alberto como Juan Félix, do entusiasta recoñecemento xeral). Así, baixo o lema Intransixentes, a ilustradora Laura Tova, con ese estilo naif tan persoal, ofrece unha visión tenra e agarimosa dun festival que busca compracer non só aos fieis afeccionados ás artes escénicas senón tamén a ese público que mira de esguello toda actividade que parece organizada para certas elites intelectuais. Prexuízos que debemos desterrar do imaxinario colectivo xa que o teatro é, para iso se inventou, un acto popular e irreverente co poder.

Xa temos un festival recoñecido e galardoado, agora toca manter o nivel de calidade e intentar que medre, como dicía no acto de presentación a concelleira de Cultura, Maruxa Suárez. A cuestión está en definir horizontes e cuantificar custes e resultados. Igual hai que incrementar o presuposto municipal, avanzar na profesionalidade da xestión, na descentralización de espectáculos, e ir pensando en serio nun novo auditorio. Dito isto, penso que comezamos ben. Facemos un cambio estético e presentamos a marca FIOT con tempo suficiente para promocionarnos. Xa saben, o prestixio é coma o vento, vai e vén de forma caprichosa. O FIOT ten éxito porque, dende os comezos, involucrámonos nel moitos carballeses. Non pertence a ningunha institución. Pero tamén é certo que as entidades públicas teñen a obriga de garantir que o mascarón de proa da cultura carballesa navega con boas olas. Da programación, xa falaremos.