A votar!

CARBALLO

ANA GARCIA

26 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Toca poñerse serios para facer pedagoxía democrática e participativa. Xa sabemos que os partidos non sempre son de fiar, que seguramente defraudarán as nosas expectativas a mesma noite electoral, que se sentirán donos da nosa soberanía cando só lles fixemos un préstamo temporal, que cando algúns prometían ocuparse dos problemas dos veciños, (coa megafonía propagandística a todo trapo), pensaban egoistamente en intereses persoais que nada tiñan que ver coa colectividade que pretendían representar. Pero tamén é certo que non todos son tan iguais, como a simple vista parecen, e que moitos cidadáns preséntanse coa boa intención de mellorar a situación dos seus municipios, dignificando a política con honradez e dedicación.

De aí que sexa tan importante votar e participar con responsabilidade, valorando quen e por que merece o voto. De facelo así, poderemos queixarnos, de ser preciso, con moita máis razón ética. Afortunadamente, ofertas e propostas non faltan. Dalgún xeito, na suposta imperfección da democracia, que moitos critican e poñen como escusa para non cumprir cos seus deberes, reside a súa grandeza. Un sistema aberto no que cabemos todos e que podemos ir perfeccionando se nos comprometemos. Eu, como ese protagonista dunha novela de Mishima que repetía con insistencia «Deus do mar, pídoche que o mar estea calmo, que a pesca abunde e que o noso pobo sexa cada día máis próspero», tamén prego para que esa política transparente, entendida como servizo público, sexa a luz que guíe aos electos que reciban a encomenda de representarnos catro anos para facer os nosos municipios máis prósperos e mellores para vivir. Agora ben, xa saben, con esperanza ou con dúbidas, para acadar tal cousa as papeletas teñen que encher as urnas. A votar !