Conexións

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

X. ABELENDA

07 abr 2023 . Actualizado a las 12:01 h.

Onte, sobre as dúas e media da tarde, aterraba na Coruña un avión de Easyjet que viña de Xenebra. Como había vento de nordés con velocidade notoria, a aeronave veu dar a volta ata Malpica, Razo e Caión para encarar en aproximación á cabeceira sur de Alvedro, e non a norte (a que baixa de Ferrol) á que estamos tan afeitos, con casas nas beiras que xa case imos coñecendo. O avión estaba cheo, e curiosamente moitos dos seus pasaxeiros acudían a pasar parte da Semana Santa na súa terra de orixe vendo dende o aire paisaxes tan familiares. Quen lles ía dicir hai nada que, primeiro, aumentarían tanto os voos dende Suíza (tamén á Coruña), e segundo, que se evitarían retrasos ou desvíos grazas á nova manobra que permite usar as dúas cabeceiras. Algo moi similar a cando os avións de Suíza para Santiago acoden a facer o xiro aos altos de Tordoia e Cerceda, dous dos municipios galegos que máis emigrantes tiveron sempre no país helvético en relación á poboación total. Antes, vir á casa era un acto anual o se cadra semestral. Nin había tantas conexións directas nin, por suposto, tan baratas (ollo coas datas, cambia moito a tarifa). Era unha visita solemne, das que marcan, tamén seo facías en coche. Agora mesmo, que non hai nin a metade do censo exterior que había nos 80, temos o maior número de conexións aéreas con Suíza da historia: entre Xenebra, Basilea e Zúrich, e aeroportos próximos en Alemaña e Italia, con numerosas compañías competindo todo o tempo, as posibilidades son abraiantes. Tamén por iso, e de novo por primeira vez, temos veciños en Suíza que viaxan á casa todas as fins de semana. Seguro que moitos o soñaron algunha vez.