Vivencias dun home que ama o mar

david trillo gallego

CARBALLO

CEDIDA

EN PRIMEIRA PERSOA, DAVID TRILLO | Nestes cinco años viñeron gozar da Navieira Jalisia todo tipo de persoas con toda clase de circunstancias

02 abr 2023 . Actualizado a las 20:03 h.

Hai case cinco anos, en concreto, o pasado 1 xuño do ano 2018, ó mariño mercante natural de Brens (Cee), en concreto, eu, David Trillo Gallego, que nacín no 1978, botaba a miña embarcación ó mar, comezando así coa miña utópica Navieira Jalisia. Unha pequena lancha de seis metros, 115 cabalos, e con capacidade para seis persoas empeza a percorrer as augas próximas á nosa Fin da Terra. É unha embarcación despachada para saír ata 12 millas da costa que non só lle ía ofrecer ós veciños e turistas o luxo de poder visitar as Illas Lobeira, senón que tamén ofrecería rutas personalizadas por toda a costa da Morte. Así que dende o poder

visitar a Fervenza do Ézaro por mar ata gozar de solpores no Cabo Fisterra, como tamén facer a ruta dos Faros bordeando a Costa ata Muxía, Camariñas ou Muros. Un tramo de litoral que non deixa de sorprender cada día que un poida percorrer.

A maxia nocturna

Ademais, non só se abriu a posibilidade de facelo polo día, porque tamén hai oferta de noite, dando a coñecer a maxia do mar de ardora, ese océano fluorescente, podendo incluso tocalo mentres navegamos sobre el. Hai xente que mesmo se emociona neses intres. Ou bañarse, ou poder ver como pescan as sardiñas os barcos do cerco.

Cando a xente foi descubrindo e experimentando esas marabillas e o engado do mar, comezaron a ser moitos os que optaron pola opción nocturna. Tamén para ver as estrelas no medio do mar, ou navegar baixo a luz da lúa chea. Son intres inesquecibles, momentos para o recordo. Un sente agradecemento infinito cara a nosa terra por agasallarnos con estampas así. Chega un ata a emoción, mesmo semella que a luz brilla só para un nesa inmensidade.

Outra sorpresa para a gran maioría e experiencia única é poder navegar os días de borraxeira ou néboa. A xente alucina coa paisaxe de misterio que envolve todo ese fenómeno meteorolóxico no medio da auga, tanto de día como de noite pecha, coa borraxeira e o ronsel fluorescente pola popa e amuras que vas abrindo polo mar de ardora…

E que vou dicir do avistamento de aves mariñas e cetáceos de todo tipo? É mui habitual nas navegacións tamén ver baleas no alto mar, e incluso dentro da ría de Corcubión, como cando vén ó famoso cantante de Hombres G, David Summers coa súa namorada carnotá. Quedaron tan alucinados co que puideron ver de día que volveron para unha navegación noturna tras cear a bordo coas luces da Fervenza do Ézaro. Zarpamos despois e navegamos polo mar de ardora baixo as estrelas… Hai días e momentos moi difíciles de describir.

Variedade de tripulantes

Nestes cinco anos viñeron a navegar persoas de todo tipo, de idades e estados diversos, dende una muller embarazada de oito meses, a xemelgos de sete meses ata a máis maior de todos, unha muller de 92 anos, unha verdadeira capitá de navegación.

Son moitos tamén os que viñeron a bordo a celebrar aniversarios e apagar as velas no medio do mar, reportaxes de noivos, ou tamén eses que viñeron coas crianzas facer un simbólico bautizo mariño cunhas cunchas de vieira na Illa Lobeira. Por haber ata houbo foliadas con gaiteiros. Tamén se coceron a bordo uns percebes con auga directamente collida do mar acompañados con empanadas de millo e bos viños. Está visto que a experiencia da navegación tamén se pode compaxinar co sentido do bo gusto. Curiosamente, péchase ó círculo vital e espiritual tamén a bordo, pois foron xa varias familias as que quixeron volver á miña embarcación para ir tirar as cinzas dos seres queridos no océano, e logo, máis tarde, ir tirar flores tempo despois nesas zonas. Un lugar de lembranza das persoas idas e non esquecidas.

Eu, David, patrón de altura da mariña mercante, continúo combinando os meus embarques a bordo de remolcadores holandeses por todo ó mundo, pois, de momento, economicamente non é posible vivir todo ano do taximar, con esta sorte de aventura polas nosas costas. A tempo adverso do noso inverno e a falta de turistas en tempada baixa non fai rendible a Navieira Jalisia os 12 meses do ano, pero pagan a pena estas vivencias moi reconfortantes a vida dun home que ama o mar.

Uns apuntes biográficos

Xa navegaba na barriga da súa nai. Aos 22 anos xa era patrón, logo capitán da mariña mercante. É fotógrafo e intelectualmente inquedo. É dende o 2018 proclámase Robinson da Lobeira.