En primeira persoa, escribe a matemática e literata Rocío Leira | As mulleres somos diversas como as imaxes que saen neses aparellos
05 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Achégase o 8 de marzo e a imaxe que me vén a cabeza cando penso no significado da palabra muller é a dun caleidoscopio. Todas as do noso xénero somos diversas como as imaxes que saen dun deses aparellos e todas desenvolvemos diferentes facetas que nos definen e nas que, por desgraza, aínda nos queda moito por acadar. Se tivese que describir o meu propio caleidoscopio podería facelo, por exemplo, dende a miña formación de matemática. Contaría que nas titulacións STEM segue a haber grandes desigualdades entre xéneros e son os homes os que maioritariamente enchen as aulas das carreiras tecnolóxicas.
Podería tamén pronunciarme como emprendedora. Montei o meu negocio con vintecinco anos nunha etapa na que emprender non estaba de moda e na que ningunha das miñas compañeiras se decantou por esa opción. Dezaoito anos despois constato que neste terreo as cousas cambiaron pouco. Cando pregunto aos meus alumnos e alumnas universitarias o que queren facer no futuro, son eles, nunha inmensa maioría, os que desexan montar o seu propio negocio. Elas amósanse máis reticentes a iniciar ese camiño, que dende a miña experiencia, está cheo de dificultades, pero, repleto tamén, de inmensas satisfaccións. O emprendemento feminino segue a ser unha materia pendente, especialmente entre profesionais con alta cualificación. Só o 20% de quen emprende en España é muller e delas tan só o 24% teñen estudos superiores, polo que creo que este é un dos grandes campos de batalla nos que o feminismo ten moito que avanzar.
Continuando coa descrición do meu caleidoscopio, podería tamén falar como escritora e resaltar o enorme potencial feminino das nosas letras. Cada ano as autoras galegas gozan dun maior recoñecemento e ven como as súas obras e traxectorias acadan premios de gran prestixio, malia seren os homes os que aínda ostentan as maiores cotas de poder. E, por suposto, non esquecería falar da miña faceta como nai para contar que, a pesar dos grandes sacrificios que supón a crianza, teño o luxo de exercer unha conciliación plena. Podo levar os meus fillos ó meu posto de traballo e ese é un privilexio do que non quero prescindir. Para min o éxito non sempre é sinónimo dun posto relevante senón que vai máis identificado coas pequenas renuncias que non me vexo obrigada a facer. Os meus alumnos saben que no medio da Teoría de Galois pode aparecer un Batman en miniatura pedindo a merenda, ou que cando saen do baño se arriscan a sufrir un paro cardíaco porque unha nena vestida de Frozen lles dá un susto de morte.
Influencias
Todos eses campos representan un matiz da muller que son e, en todos eles, de maneira máis ou menos directa, detecto a influencia que exerceron sobre min diversas mulleres. Elas son os cristais de cores responsables de dar vida ás formas do meu caleidoscopio, de avivar as lapas das miñas ansias de superación.
Esas mulleres referentes non visten traxes feitos a medida, non van erguidas sobre o poderío que outorgan uns bos tacóns (a súa artrose non llo permitiría), non son dirixentes políticas nin avezadas empresarias que cotizan en bolsa. Todas son mulleres fortes e loitadoras que sobreviviron a guerras, fames e situacións adversas. Todas superan os oitenta anos de idade e responden ao nome de avoas.
A miña chámase Celia, ten noventa e cinco anos e un currículum para sacar o sombreiro. Quedou orfa con quince e viuse obrigada a coller as rendas da casa cando case non deixara as bonecas. Con dezaseis cocía no forno de leña e desenvolvíase nos fogóns coma unha chef cinco estrelas. Pasaba dos vinte cando axudaba aos canteiros a construír a súa casa, carrexando as pedras coa forza dun Hércules. Consumiu a súa xuventude mentres administraba a economía familiar con máis precisión que as economistas saídas de Hardvard. Xa entrada na madurez logrou dirixir as tarefas da labranza coa dilixencia dunha política de primeiro nivel e aterrou na vellez vendendo nas feiras os seus produtos agrícolas coa pericia do máis experimentado director comercial. Porque a miña avoa Celia, ó igual que outras moitas avoas, a pesares de ser case invisible para a sociedade e non ter recoñecemento ningún, é unha muller empoderada onde as haxa, unha auténtica abandeirada do feminismo, por máis que ela nin o saiba.
Merecida homenaxe
Por iso, neste oito de marzo, animo a todos os que coñecen a unha destas heroínas a renderlles unha pequena homenaxe. Se teñen ocasión recoméndolles que non deixen de «acudir a un dos seus congresos». A sabedoría que neles se imparte é un ben inmaterial imposible de cuantificar. Pola miña parte, mañá mesmo, acompañarei á avoa Celia a cobrar a súa pensión e a facer a compra mensual. A pesares dos seus anos, non quere delegar esa tarefa en ninguén, porque todos sabemos que as mulleres verdadeiramente empoderadas non deixan as súas finanzas en mans alleas.