Veladoiro

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

S. G.

A subida en coche ao alto do Veladoiro, no cabo da Nave de Fisterra, ofrece dúas alegrías inmensas. A primeira é chegar arriba co coche enteiro. No ascenso hai tales baches, de tanto tamaño e fondura, que hai que tomalo como unha proba iniciática de que o que é bo, custa, e se se supera, a satisfacción multiplícase. Calquera pensaría que hai que arranxalos. Esa é a opción canónica, a doada. Diría de facer máis aínda ou, se polas cousas da vida van aparecendo outros, non coartar o seu desenvolvemento. Estamos afeitos a ter pistas asfaltadas para todo e, claro, acomodámonos. Pero ollo co do coche: de noite, ou nun día bretemoso, pódese levar un desgusto dos de chorar.

A outra alegría está exenta de ironías. Xa o pensaba hai anos, e agora, por vello, pénsoo aínda máis: ten unha das mellores vistas da Costa da Morte. Empezando polo propio Cabo Fisterra, que ollalo dende aí é como observar a cara oculta da lúa, tan afeitos que estamos da outra. Xa non falo dos cantís, de Mar de Fóra, do horizonte... Unha marabilla (por sorte?) pouco coñecida para os que non andan moito por San Vicenzo de Duio, ben cheo de patrimonio. E, para o outro lado, Touriñán e todo o que podemos imaxinar antes e despois.

S. G.

E hai algo peor que os baches, si: esas casetas e peches telefónicos e das antenas que requirirían darlle unha volta para un mellor aproveitamento desde magnífico espazo, preto de Berróns, de algún castro, de arnelas e reguiños que saltan ao mar e de moita historia. O Cabo do faro leva a xusta fama, pero este promontorio occidental carda moita lá. E fochancas, vale, pero o que poida que vaia a pé. Ou amodiño.