Domingo finou aos 95 anos Josep María Espinàs, un avogado barcelonés que en 1955 deixou a toga e os códigos de leis para converterse nun polifacético escritor e xornalista que, ademais, foi pioneiro como cantautor no movemento da Nova Cançó catalá. Deixou detrás unha inxente obra, con ducias de libros publicados, maiormente en catalán, pero tamén en castelán, tanto de viaxes como de novelas, entre outros; uns oito discos, o himno do Barcelona, e numerosos premios. Un persoeiro de gran dimensión da cultura catalá. E a que vén a conto aquí?
Pois que Josep María Espinàs dedicou uno dos seus traballos á nosa bisbarra. No ano 2003 fixo un percorrido a pé entre Laxe e Fisterra, diriamos que foi un dos precursores literarios do Camiño dos Faros. Botou dez días, camiñando de forma sinxela, achegándose a mariñeiros, labregos, mulleres que coidaban as hortas ou levaban as vacas a pacer e, sen facer preguntas, ía sabendo da vida e dos costumes ao tempo que ía vendo paisaxes. Todo iso foi desenvolvido nun gran libro en catalán titulado A peu per la Costa da Morte, publicado no 2004 e logo tamén traducido ao castelán como A pie por la Costa da Morte. É o volume número 16 dos seus textos dedicados aos percorridos polos lugares que lle resultaban atractivos. Non é un libro de viaxes ao uso. Eran as súas sensacións, os costumes ancestrais que lle ían sorprendendo, os modos de vida, historias locais que lle chamaban a atención, as paraxes solitarias, os mitos, as lendas que ía escoitando e mesmo conversas. É un libro con alma. Foise un bo amigo da Costa da Morte.