Cipriano Castreje: «Antes de dar a luz, a muller ten que saber riscos e que preguntar»

P. blanco / f. rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Viu

Vén de lanzar o libro «El derecho a nacer sano: cómo evitar daños por mala praxis en el trabajo de parto y el parto»

16 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O 2023 trae novidades na escrita. O avogado fisterrán Cipriano Castreje lanzou a comezos deste mes o libro El derecho a nacer sano: cómo evitar daños por mala praxis en el trabajo de parto y el parto, con prólogo da doutora Lourdes Cortés. Da obra falou este pasado venres en Radio Voz:

—Recén saída do forno.

—Exacto. Editouse o día 2, púxose no mercado esa mesma xornada en formato dixital e á seguinte en papel. Con orgullo podo dicir que o libro lle interesou á xente en xeral, vai funcionando ben.

—Centos de miles de mulleres, cada ano, padecen incidencias máis ou menos graves no parto. Ocorre nos países desenvolvidos e multiplícase nos non desenvolvidos. Máis de 800 morren cada día, e en moitos casos podería evitarse. Foi o que o levou a escribir?

—Así é. Cando fala de que en moitos casos se podería prever, matizo que nada máis e nada menos que no 98 %. É dicir, que de 300.000 mulleres que morren cada ano, sen haber erros nos tratamentos, o 98 % poderían estar vivas. Nesas estatísticas, ollo, non se contan as mulleres que padecen danos posparto, nin os fetos que non chegan a nacer, nin os que nacen con severas secuelas.

—A estatística, logo, é curta.

—Moi curta, e iso foi o que nos impulsou. Debatímolo no bufete e decidín que este libro había que escribilo, un libro puramente informativo. Non substitúe ningún criterio clínico nin vai contra ninguén, o libro dedícase a formar e a informar. Cada muller que entra nun quirófano ou nun paritorio antes de dar a luz ten que saber os riscos que corre, que preguntar e como preguntar.

—Vostede é especialista en neglixencias médicas. Entendemos que ese día a día de oficio está presente no libro tamén. Na obra analiza sentencias diversas, e hai casos que mesmo atendeu.

—Efectivamente. Ese día a día é así. Onte mesmo [polo xoves] formulamos unha demanda por un retraso no diagnóstico dunha apendicite que se converteu nunha peritonite. A muller sufriu unha operación moi severa, con grave risco vital. Custoulle perder o feto. Tamén onte tiven unha consulta cunha persoa que tivo que facerse un legrado: non calcularon ben o diámetro ou lonxitude do útero, empregaron un instrumental co que o perforaron e tivo graves secuelas. Isto no pode pasar en pleno século XXI. A xente necesita ter información. As mulleres, os homes, os estudantes de Medicina, aos que non lles ensinan empatía nas facultades. Ten que haber empatía, comunicación, información e, sobre todo, unha boa praxe.

—Hoxe é o mesmo parir nun hospital público ca nun privado?

—En teoría debería. O parto é un feito natural. Como acto clínico, é o mesmo. Pero unha muller que vaia parir nun hospital privado ha de saber se ten unidade neonatal, uci neonatal, se hai pediatra e anestesista de garda, se o quirófano está aberto pola noite... Tiven un caso moi recente, o número 1 que aparece no libro, no que a persoa foi dar a luz a un hospital privado. Xinecóloga, equipo de matronas, pediatra... pero o parto complicouse. Tanto xulgado como Audiencia condenaron por mala praxe á xinecóloga. Non había anestesista de garda, o quirófano houbo que abrilo de noite... Ese recén nacido enviouse ao hospital público Clínico de Santiago, onde, cos nosos impostos, se intentou quitarlle ese marrón á sanidade privada. Por tanto, non, non é o mesmo, salvo que ese hospital privado teña todo o que hai que ter. A miña recomendación, logo de máis de trinta anos de experiencia nesta materia, é que a xente, se pode, dea a luz nun hospital público con todos os medios. O Virxe da Xunqueira non ten uci neonatal, pero tendo cirurxiáns e anestesistas de garda localizada pode facer moita labor, claro. A diferenza está nos recursos humanos e materiais, non na capacidade médica dos obstetras. Falamos de vidas, e de 300.000 mortes ao ano nas que non se inclúen os casos mencionados.

—Ollo coa cifra.

—Falo de xenocidio silencioso. Pasa, non se sabe, e por que se oculta? Só as ONG están poñendo medios para que isto mellore, porque os gobernos, nos países en vías de desenvolvemento, teñen outras prioridades. A muller, o embarazo, o parto, non o son. Falta educación, tamén. Se tes un fillo, tes dereito a telo, e a que te traten cos medios axeitados.

—Temos suficiente persoal?

—En España si, e aínda así séguense cometendo erros. E non, non queremos que isto pase. Todo o que está no libro é vivido.

«Non é un libro contra os médicos nin substitúe un criterio clínico» 

«Ás tecnoloxías, aínda funcionando, a veces non se lles fai caso. Se no rexistro cardiotocográfico, cando estás nun paritorio, salta a alarma e non lle fas caso, logo non pode escusarte», afirmou Castreje na súa intervención.

—O libro ten parte solidaria, para ONG's que traballen neste ámbito.

—A vertente solidaria vai levar practicamente os beneficios do libro, nós non vivimos de escribilos, senón da avogacía. O 10 % irá para Médicos Mundi, Médicos sen Fronteiras e a fundación Every Mother Counts, americana, que traballa moito no terceiro mundo.

—En Amazon a acollida e valoración da obra está sendo boa.

—Polo momento Amazon ten a exclusiva por 90 días, logo pensaremos o tema librarías, porque canto máis se expanda mellor. Pensei incluso nunha pequena presentación na libraría do meu pobo. É un libro de 160 páxinas, doado de ler, ameno... Ou iso din as valoracións, e foi ademais a intención. Tivemos lectores beta, o libro foi supervisado por dous xinecólogos, perito... Non é un libro contra os médicos, nin substitúe ningún criterio clínico, non é unha obra de consulta médica. Só informa e ensina ás mulleres a preguntar por probas, riscos, consecuencias... Fago fincapé en que a vía de parto a elixe o obstetra. Ademais, nun parto eutócico, digamos os normais, non hai necesidade de consentimento informado: é un dous poucos actos médicos invasivos nos que non é preciso. Pero un parto, aínda feito natural, pode complicarse, pode ser preciso empregar certo instrumental. A partir de aí medran os riscos e entón si, nese momento, é cando hai que poñerlle a firma a ese consentimento. Non é só firma, senón informar dos riscos.