Decrepitude

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

08 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nena, tedes xeo? Non, señora, non temos. Pero, non o tedes hoxe ou nunca o tedes? Témolo, pero houbo rotura de stock pola escaseza, coméntalle a dependenta. Esta conversa escoiteina esta semana nunha superficie de alimentación. Poderíame esperar calquera tipo de psicose con produtos máis emblemáticos ou de primeira necesidade pero, que o tema de debate sexa o xeo, paréceme de decrepitude absoluta. Dos creadores de «teño a necesidade imperiosa de levar todo o estante de papel hixiénico ou unha ducia de botellas de aceite» chega outra necesidade vital imperada polo máis absoluto capitalismo. A ignorancia deste primeiro mundo onde a soberbia nos impide ter un mínimo de cordura.

Preocúpanos que non haxa xeo pero o da escaseza de auga doce e potable para todos as persoas do planeta deixámolo para outro día. O caso é beber cas pedriñas no vaso de tubo.

Ben que o falaba unha señora o outro día no telexornal, parecíalle escandaloso e insufrible beber algo sen xeo no verán. Debe ser que frialdade das neveiras que todos temos na casa non é suficiente para paliar a frivolidade que nos inunda. Ao final, aínda haberá xente que pague cantidades abismais simplemente por unha pouca de auga solidificada. Quizais, o día no que abramos a billa e vexamos que non bota nada, veremos que todo aquilo que damos por feito é un ben escaso e malgastado moitas veces pola nosa parte.

De todas formas, se hai xente que se deshidrata, pregunten ás nais. Antigamente o xeo non era tan frecuente velo embolsado no supermercado. Eran nosas nais as que poñían a auga nos moldes para ter preparado o plan de continxencia. Este consistía en telo sempre preparado por se caiamos das bicicletas para aliviar a dor.