Os mortos de cada quen

Natalia Lema Otero

CARBALLO

18 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Comentan que un 60% dos mozos non coñece a Miguel Ángel Blanco. Aposto que a maioría nin sequera sabe o que é o Guernica. Coido que este dato fala amplamente dun dos grandes fracasos da educación española: achegar ás xeracións novas a historia conformada do último século, sen eufemismos nin ideoloxías. Quizais os mozos non coñezan a barbarie perpetrada por ETA por mor de que aínda segue sendo un tabú nos libros de textos que afondan frugalmente no terrorismo.

Hai algo que me chama sumamente a atención. A maneira en como cada partido utiliza e manipula os medios para poñer no pedestal a figuras históricas para convertelas en mártires. A esquerda reivindica a memoria histórica e obvia por veces ao terrorismo, o mesmo lle pasa á dereita á inversa. O acto institucional de recoñecemento a Miguel Ángel estaba previsto para o domingo e, non obstante, o sábado houbo un case mitin por parte da dereita ca irmá do asasinado. Cando deformamos desta maneira tan atroz a historia e a utilizamos para fins propios, esquecemos o sufrimento e a figura do protagonista. A dor e o padecemento dunha persoa que o pobo sentiu como seu.

Somos un país de fractura, por moito que a xente pense o contrario. Erguemos unha cortina de fume e decidimos, en tódolos bandos, os que son bos e os que son malos. Algúns, incluso, pactan cas mesmas ideoloxías que forneceron o terror, acudindo ao mesmo tempo ao acto de Miguel Ángel Blanco. Quizais sexa mellor que a xente nova non saiba nada do noso pasado recente, dependo de cada quen, a liña do tempo foi unha ou outra. Os mortos non se deixan descansar, ás veces erguen a súa memoria das tumbas coma estandartes nunha procesión de improperios que non cesa.