Privilexios de nacemento

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

04 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Este artigo debería terse escrito a semana pasada mais ocorre que, ás veces os titulares son tan importantes no momento da noticia como a posteriori para estudar a percepción dos mesmos. Resúltame algo grotesco ver a exhibición da marca España no cumio da OTAN. Eses menús elaborados cos tesouros gastronómicos máis prezados, esa alfombra longa para dar paso a mandatarios e consortes que actúan a modo de floreiros no século XXI. Mágoa que en tal exposición de país non contemos a outra parte da nación que metemos debaixo da mesma alfombra coma se fose lixo. Apenas uns días antes, a todos nos chegaron fotografías de ducias de corpos, uns sobre outros, no asalto a Melilla. Corpos desgarrados, cheos de feridas, extenuados, uns sobre os outros coma trapos tirados. Recordoume a aquel neno que aparecera boca a baixo nunha praia. Aylan Kurdi chamábase, porque todos os mortos teñen un nome e unha historia.

As persoas non valen o mesmo en calquera parte do mundo. As nosas cabezas teñen un prezo. Ensinámoslle aos nosos nenos que todos somos iguais e estamos mentindo vilmente. A terra ten que ser libre e deixamos aínda que as persoas agonicen durante por horas por unhas liñas imaxinarias que impoñemos dende o Imperialismo. Seguro que evitaches a mirada dunha persoa negra ao pasar pola rúa ou apreixaches o bolso nun acto reflexo que reflicte a nosa xenofobia. Quizais es desas persoas que pensa que os inmigrantes nos quitan o traballo e teñen pensións vitalicias. Haberá quen pense que unha pateira é un cruceiro. Ter a pel branca é un privilexio de nacemento e nunca nolo contaron.