Coitelo de pau

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

14 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O señor Borrell di que reduzamos a calefacción neste inverno. Expliquémoslle que os de Navia de Suarna non poden darse o luxo de apagar ou moderar o termóstato. Aínda que non fai falta ir tan lonxe, chega con estar na Costa da Morte para sentir os envites destas noites de friaxe que fan entalar os ósos. Apagarían estes días a calefacción no Parlamento Europeo ou seguirán con este neoluxo? Espero que os monxes prediquen a través de tan bos hábitos.

Sen irnos a Bruxelas, que comecen a dar tal suposto exemplo nas institucións locais, eliminando luces innecesarias e deixando de colorear os monumentos de cores segundo a propaganda do día. Queda moi vistoso pero verdadeiramente é un despilfarro de cartos. Se eliminásemos o exceso de luces nas nosas cidades quizais, polo menos, poderíamos ollar as estrelas no ceo. Proben a dicirllo ao señor Caballero, que é moi de luces e Nadal.

Non se pode poñer nos consumidores a culpa da pobreza e da crise enerxética, eles non son os causantes dunha cisma política que provocou a subida dos carburantes e da electricidade. Na cadea de intermediarios, os entes máis vulnerables son as familias, as casas onde se pasarán moitas calamidades este inverno. A min, persoalmente, as palabras de Borrell recórdanme ás da xente que mandaba nos anos 80 na nosa comarca. Meus avós venderan as súas terras para faceren un encoro uns terceiros e continuaban vinte e moitos anos despois a negarlle luz eléctrica. Dáme tremenda mágoa volver ver situacións de igual cinismo e demagoxia. A verdadeira razón do encarecemento é que a chamada Transición ecolóxica e enerxética non foi ben planificada polo noso poder executivo. Agora, señores, tiros ao aire para distraer aos paxaros.