Non á guerra: a regueifa da semana, por Lupe Blanco 

Lupe Blanco

CARBALLO

ANA GARCÍA

Un tema moi concreto centra as coplas da coristanquesa neste 27 de febreiro. Así fala!

27 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Vou facer un exercicio,

e que o faga calquera,

propoñendo un pé forzado

e dicimos non á guerra.

Chegou un fillo de Putin

cos seus tanques pola terra,

nós non estamos conformes

e dicimos non á guerra.

Con regueifa ou sen ela,

hoxe todo o mundo berra,

temos unha cousa clara

e dicimos non á guerra.

Polo pobo de Ucraína,

que aos seus fillos enterra,

non queremos o conflito

e dicimos non á guerra.

Sexa Europa ou Palestina,

onde mísiles houbera,

non ficaremos calados

e dicimos non á guerra.

Mandatarios alocados,

que mal raio os comera,

este é o pensamento

e dicimos non á guerra.

Que alguén explique isto,,

se hai quen o entendera,

porque xa non ten remedio e dicimos non á guerra.

Que se poñan xa dacordo,

para que a paz volvera,

se queredes nós berramos

e dicimos non á guerra.

Deixo a mensaxe clara,

a regueifa é o que encerra,

se me fan caso cantamos

e dicimos non á guerra.

Traballamos coa palabra,

por se hai quen non se entera,

cando toca protestamos

e dicimos non á guerra.

O diálogo é o primeiro,

e a quen manda sen cabeza,

sinalámolos co dedo

e dicimos non á guerra.

Continuaría coas coplas

se máis liñas eu tivera,

rematemos este verso

e dicide: «NON Á GUERRA».