A Costa da Morte honrou a Rosalía de Castro

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Houbo diferentes actos e actividades por toda a comarca. Continuarán hoxe en Vimianzo e A Laracha

24 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Con actos de diversa natureza, pero cun mesmo sentimento, a Costa da Morte alzouse onte nunha soa voz para lembrar a Rosalía de Castro no primeiro 23 de febreiro no que oficialmente se festexa a efeméride do seu nacemento. Ben fose dedicando un apartado especial coa súa obra nas bibliotecas da zona, como fixo o Concello de Zas, ou implicando aos máis pequenos no coñecemento da vida e da obra da padronesa, a poeta foi onte a absoluta protagonista da axenda cultural comarcal.

En Malpica, o gaiteiro Suso Moreira interpretou a Alborada polos bares da vila, onde onte, ademais, serviron Caldo de Gloria como petisco durante as horas de viños. En Cerceda, a rapazada do CPI O Cruce achegouse ata o Campo da Feira para participar dunha lectura pública dos poemas de Rosalía e marchou cunha rosa a modo de agasallo. Tamén se deu lectura dalgún texto da padronesa en Carballo, pouco despois de inaugurar unha gran lona nun lateral da ludoteca cunha ilustración elaborada por Mon Lendoiro. Unha actuación do grupo local Quercus Blues completou a programación na capital de Bergantiños, mentres que en Cabana foi o alumnado da Escola de Teatro o que tomou a iniciativa nun día tan especial teatralizando unha visita da poeta, e do seu marido, Manuel Murguía, á biblioteca municipal María Baña.

A escolma de actividades do Concello de A Laracha irá máis aló do día de onte. Así, hoxe haberá teatro e monicreques na Casa da Cultura da man de Larraitz producións artísticas: A viaxe de Rosalía, ás 18.00. E mañá, contacontos no centro sociocultural de Paiosaco con Trémola Teatro: A miña historia, tamén ás 18.00 horas.

Por outra banda, a Casa da Muller (O Couto) estivo presente no acto institucional do Día de Rosalía celebrado no Hostal dos Reis Católicos cun recitado de Uxía Varela e a intervención musical de Irma Macías e Antía Ameixeiras.

Por último, os rapaces do IES Terra de Soneira e do CEIP San Vicenzo de Vimianzo gozarán hoxe, na Casa da Cultura, da intervención teatralizada Sempre Rosalía, de Producións Dispersas.