Plumas con mando, por Maruxa Suárez: Soñemos en galego!

maruxa suárez cotelo

CARBALLO

ANA GARCIA

Escribe a concelleira de Normalización Lingüística de Carballo | O galego rexorde cada vez que escoitamos unha regueifa, cando participamos nunha foliada ou cando chiamos no galituiter

16 ene 2022 . Actualizado a las 21:11 h.

A Costa da Morte é a segunda gran comarca de Galiza na que máis se fala, e se escoita, o galego. O 92,43% da poboación fálao sempre, habitualmente ou, en calquera caso, máis ca o castelán. E non o digo eu, senón o último informe sobre o uso da nosa lingua publicado polo Instituto Galego de Estatística.

Pero a boa saúde do galego na nosa comarca non debe facernos esquecer que Galiza perde galegofalantes cada ano, cada día. Ese mesmo informe reflicte que, malia seguir sendo o idioma máis empregado no país, en só dez anos a porcentaxe de persoas que o utilizan baixou do 57,03% ao 52,29%. A Costa da Morte é, polo tanto, é un reduto do galego que debemos defender.

Lei de Normalización

Ás portas do 40º aniversario da aprobación da Lei de Normalización Lingüística de Galiza, debemos reflexionar sobre os erros cometidos para que aínda esteamos tan lonxe de acadar o seu cumprimento efectivo.

«O galego é a lingua propia de Galicia», di o artigo 1 da lei aprobada no Parlamento de Galiza, por unanimidade. Corenta anos despois é preciso que aquela unanimidade retorne á escena política, e tamén social, porque a defensa da nosa lingua, como un dos nosos principais sinais de identidade, debe ser unha tarefa colectiva.

Na normalización da lingua galega, cada institución temos asignado o noso papel. Dende os concellos debemos cumprir os deberes que nos corresponden por lei e salvagardar os dereitos que ten a cidadanía nas súas relacións cotiás coa Administración.

Pero, máis alá das obrigas legais, tamén temos a responsabilidade moral de contribuír a que a boa saúde do galego na Costa da Morte, que sen dúbida é unha tremenda fortaleza que debemos aproveitar, se contaxie aos sectores que aínda son remisos a utilizar a nosa lingua na súa actividade diaria.

O galego rexorde cada vez que escoitamos unha regueifa, cando participamos nunha foliada ou cando chiamos no galituiter. Na Galiza e na Costa da Morte de hoxe temos poetas coma Rosalía Fernández Rial, regueifeiras coma Lupe Blanco, películas coma O que arde, series en Netflix coma A desorde que deixas, grupos de música coma Chicharrón e outras que, se cadra, chegan a Eurovisión.

Temos xornais, portais científicos, aplicacións para móbiles, editoriais que se instalan ben pretiño e outras empresas dos sectores máis variados que usan o galego con normalidade e naturalidade.

«Escoitates e fotes»

Como soe dicirse en termos deportivos, temos canteira. Ou galego con forza, que dicimos en Carballo, ou galego coma area, que dirían nas ribeiras da ría de Camariñas. Galego irrepetible coma o que escoitates o día que fotes a Corme. Ghalegho con gheada e tamén con seseo, che!

Pero queremos mil primaveras máis para a nosa lingua. Así que estudemos, merquemos, cantemos, vendamos, traballemos, escribamos, leamos, guasepeemos, amemos, criemos e soñemos en galego. Falemos galego!