A Galicia da bruma

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

27 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai epístolas que son de xustiza, son tan precisas que se non as escribes é posible que se che forme un bolo ben grande no peito. Esta, humilde e tremendamente acurtada, vai dirixida á ministra de Transportes. Aquela que pensa que, grazas á chegada do AVE á nosa comunidade, a Galicia illada e brumosa que describía Valle-Inclán xa é historia. Está ben enganada, miña dona. Non fai falta un ferrocarril de alta velocidade para salvar a estes pobres da aldea nin as súas propias palabras agres cheas de condescendencia. Non son necesarias panaceas nin tampouco debemos aplaudir coma ignorantes coma se trouxesen un Plan Marshall á nosa terra.

O único que demostra a liña de alta velocidade dende Zamora-A Coruña é a débeda histórica que tiña o goberno central coa nosa xente. Políticos e políticas que levan décadas enchéndose a boca cunha infraestrutura que apenas chega agora. Non debemos de dar as grazas por unha promesa, debemos estar máis ben contentos porque era un dereito consolidado e adquirido que tiñamos con respecto a outras partes do país.

A Galicia de tebras, a Galiza demonizada moitas veces por literatos como Lope de Vega hai moito tempo, deixou de existir moito antes. Podía aínda pervivir cando nos anos 80 a electricidade aínda era unha utopía nalgunhas zonas. Hoxe en día, a Galicia profunda, a da néboa e a escuridade, non é máis ca un recurso para intentar minguar a nosa autoestima colectiva. Nos mundos de agora, globalizados e potentísimos, non existen barreiras físicas nin límites imaxinarios que nos fagan diferentes e minorizados. Unha mágoa, señora ministra, que nun acto tan transcendental opacase o seu discurso cun deses estereotipos rancios propios de tertulia de bar.