A súa cinsa

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

27 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Había un libro que lía incesantemente cando era pequena. Contaba a historia dunha cidade que despois dunha nevada xigantesca quedaba cuberta de branco e carente de cor. Dende hai unha semana, os habitantes de La Palma teñen unha cidade antónima, cuberta de cinsa acibeche. Adeus a aqueles barrios que resultaban tan recoñecibles nas súas retinas e que agora unicamente habitarán as súas memorias.

Namentres, a xente non deixa de fotografiarse, canto máis preto mellor. Aqueles xornalistas que critican a actitude dos que buscan o perigoso autorretrato son os mesmos que saltan os límites achegándose a poucos metros da avalancha de residuos do volcán. Avergoña practicamente a actitude surrealista dalgúns medios, tales como o director dos informativos dunha das maiores cadeas privadas do país. O seu discurso no primeiro día, opacando os correspondentes da mesma canle, foi máis un autobombo de estar observando un feito histórico sen precedentes antes de centrarse na crónica xornalística do momento.

Eu non entendo de ética xornalística. Nadiña. Entendo do que vexo, renego de centrarme na beleza do monumento natural e evadir o drama social e humano. Deixar nun segundo plano os animais que quedaron desamparados e aqueles que non teñen onde durmir mentres o Cabildo non os reubica. Non falemos, pois, das contías das indemnizacións nin dos novos comezos.

A Televisión Canaria anunciou xa que vai escapar da morbosidade, aforrando imaxes innecesarias e entrevistando só a persoas que o desexen. Unha aclaración coherente e moi necesaria. Van priorizar a sensibilidade.

Oxalá os habitantes de La Palma logren calmar a ira de Cumbre Vieja e teñan as forzas precisas para eludir a cinsa e volver encher de cor as rúas.