Minutos de silencio

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

20 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Chega un momento onde os minutos de silencio soan sórdidos, baleiros, se me descoido ata hipócritas. Semellan unicamente a escusa perfecta para a foto institucional. Como sociedade deberíamos ter outras ferramentas para evitar os feminicidios. Acontece que os minutos de silencio son os preludios de máis minutos de silencio doutras mulleres que serán asasinadas. Acotío, todos nós somos capaces de detectar a violencia de xénero. Vémola nesa parella que discute pola rúa ou neses veciños que non paran de berrar no edificio. Ocorre que un día a desgraza envólveo todo e arrepentímonos de non ter feito algo máis. Outrora, as mulleres de antes choraban moito soas. Sufrían os golpes, as malleiras e a marxinación ata que elas o ou seus homes morrían. Aceptaban ese destino con resignación porque dende sempre lle ensinaron que tiñan que obedecer. Hoxe en día, a violencia ten un nome, fálase e empézase a educar nos colexios.

Nembargante, continuamos impávidos vendo como mulleres como Mónica non volveran ver os seus fillos, nin cociñarlle os seus pratos favoritos nin moito menos volverán sorrir. Pasan a ser datos, cifras, listaxes que enriquecen a base de datos do Instituto Nacional de Estatística. Son noticia por unhas horas ou días pero pronto nos esquecemos. Ata que chega a seguinte vítima. A mesma historia, o mesmo perfil de verdugo e os mesmos minutos de silencio que soan a demagoxia. A mesma comunidade que é incapaz de protexer a quen ousa denunciar. Os xornalistas, os políticos e a xente do común deberíamos repudiar con máis fincapé a violencia exercida contra as mulleres e os seus fillos, vítimas moitas veces tamén colaterais. Non hai dereito a enterrar a túa nai tan cedo por mor dun monstro narcisista.