Hai meses, vin nas redes un experimento social. Nel, diversas persoas era preguntadas pola súa nacionalidade e o seu nacionalismo, dous termos parellos pero extremadamente diferentes. Este mesmo grupo de xente instaurábase na mentalidade de ser cen por cen ingleses, islandeses, árabes ou alemáns. Desprezaban por ende as culturas dos seus compañeiros. Cando obtiveron un sobre cos resultados da súa etnicidade, descubriron que tiñan trazos xenéticos daquelas culturas que detestaban. Pegadas que falaban de bisavós e tataravós que procedían de diversos países.
Comentáronme sempre que con esta pel branquiña que posúo ben podía ser anglosaxona. Hai semanas que merquei un destes test. Por un módico prezo chegoume unha caixa ben feitiña á casa, con dous tubos e dous hisopos para recoller mostras de saliva do interior da meixela. Envieinos ao enderezo sinalado de Houston e nun prazo inferior ao referido chegáronme os resultados. Os meus antepasados son nun cincuenta por cento ibéricos pero no restante teño trazos italianos, centroeuropeos e ata finlandeses. Ao fin e ao cabo, son resultados sesgados quizais, pero reais no método: a análise xenética de ADN. O que demostra o experimento e a miña proba é que ninguén ten unha supremacía racial ou unha pureza inexpugnable. Europa está sucada de movementos migratorios e invasións entre pobos que mesturaron a propia sangue. O nacionalismo máis extremista é o causante de que rexurda o neonacismo ou o terrorismo islamista, entre outros. Por non falar do Holocausto e da terrible idea da raza aria.
Quen sabe, quizais eu teña algo que ver cos vikingos que arribaron en Catoira hai séculos. Vaia parvada. No fondo, todos somos iguais, esqueletos envoltos en pel que camiñan.