Juan Taboada, de Meteogalicia: «Os galegos teñen moita cultura meteorolóxica»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

Por que a auga está máis fría nalgunhas praias? Cantos microclimas hai en Galicia? De cuestións coma estas falou Taboada na súa intervención nas terceiras xornadas «A luz da ciencia», no dolmen de Dombate

12 sep 2021 . Actualizado a las 23:16 h.

A meteoroloxía e o clima foron os temas centrais das terceiras xornadas A luz da ciencia, celebradas no dolmen de Dombate por iniciativa da Deputación da Coruña e o Concello de Cabana e que contaron co meteorólogo Juan Taboada (Vigo, 1970) entre os poñentes. Traballador de Meteogalicia dende hai máis de vinte anos, Taboada explicou en que consiste o seu labor e falou tamén dos condicionantes que converten a Galicia nunha zona meteoroloxicamente moi rica.

-Como foi iso de falar sobre meteoroloxía dende un lugar tan especial como Dombate?

-O entorno é inigualable e hoxe en día os que facemos ciencia temos a responsabilidade, tamén, de divulgala. Gustaríame agradecer tanto á Deputación como ao Concello de Cabana por organizar estas xornadas e por pensar en Meteogalicia para participar.

-Falou alí da cultura meteorolóxica que temos os galegos.

-É certo. Aquí temos tanta variabilidade no tempo, tantos cambios mesmo entre comarcas, que a xente está moi afeita dende hai decenios e séculos a ver os signos deses cambios, a coñecer os tipos de nubes ou a saber que os ventos do sur-sureste adoitan traer chuvia e os do norte son máis secos. Agora, coa tecnoloxía, mesmo se fala sen ningún rubor do anticiclón dos Azores, das borrascas... Noutras zonas nas que hai menos variabilidade non sucede..

-Ese coñecemento está moi presente no refraneiro popular.

-Eu sempre digo que os refráns son ao tempo algo así como o clima: recollen os promedios, esas observacións ao longo dos decenios que ao final acaban tendo parte de verdade.

-Aos meteorólogos esíxelles un nivel de precisión que é moi difícil de conseguir.

-Efectivamente, é complicado. A información meteorolóxica cambiou moito porque temos máis observación e porque eses modelos teñen mellorado moito. Hai vinte anos dabamos unhas previsións moi xenéricas e a día de hoxe podemos falar de localidades concretas e mesmo de horas. Pero non sempre é así, e iso hai que entendelo. Sucede por exemplo coas tormentas: non se pode saber exactamente en que localidade ou en que momento.

-Só nos acordamos dos meteorólogos cando fallan.

-Iso comentouse na posterior mesa redonda que tivemos. O índice de acerto agora mesmo é moi elevado, case un 9 de 10. O que se debería facer, o ideal, sería asociarlle unha probabilidade a cada prognóstico que damos. Mellorouse moito, xa que temos moitas máis ferramentas de observación, pero aínda así segue habendo esa percepción de que erramos moito, pero porque sempre se lembra o día do fallo [ri].

-Chámanlle moitos noivos preguntando polo tempo que fará o día do seu casamento?

-Moitísimos, si. E coa covid, se cabe, un pouquiño máis, xa que hai tendencia a organizar as celebracións fóra, algo que en Galicia é bastante arriscado. Son cuestións que moitas veces teñen que ver coa economía, como a organización de eventos, o turismo, a gandaría ou a vendima, que estamos comezando agora e na que nos xogamos moitos millóns de euros. É un tema importante porque moitas veces esquecemos o papel da meteoroloxía: o principal é axudar a prever os episodios extremos, pero tamén axudar á economía.

-En Dombate falou de percepcións: dixo, por exemplo, que en Londres chove menos da metade que en Santiago, pese a que tradicionalmente se pensa que é unha cidade moi chuviosa.

-Iso é moi sorprendente. Galicia é unha das zonas de Europa na que máis chove e unicamente se pode comparar coa zona dos fiordos noruegueses, que ten unha orografía semellante.

-Sería posible cuantificar os microclimas que hai en Galicia?

-Pois eu non son climatólogo, pero tendo en conta a riqueza meteorolóxica que hai, eu diría que polo menos hai tantos microclimas como comarcas, ou mesmo algún máis.

-Por que nalgunhas zonas a auga do mar está máis fría?

-Iso ten que ver cos ventos de compoñente norte. Na zona da costa de Lugo eses ventos acumulan a auga contra a superficie e, aínda que non faga moito calor, a radiación solar vaina quentando. Na parte de Fisterra para abaixo, mesmo dende A Coruña, o vento norte leva a auga superficial cara dentro e fai que afloren augas máis profundas, que están máis frías. Pode haber ata cinco ou seis graos de diferenza diso. A parte positiva diso é que como esa auga vén do fondo ten moitos nutrientes, o que activa a cadea trófica e fai que as augas galegas sexan tan ricas en produtividade primaria.

-Non se pode ter todo.

-Pois si [ri], moi fría para bañarse, pero dá moi bo marisco.

-En cantos anos se poden percibir modificacións derivadas do cambio climático?

-Utilizamos mostras de trinta anos e imos facendo promedios por decenio. Realmente si detectamos cambios, pero son moi sutís e moi difíciles de percibir no día a día. O que si que notamos é que as secuencias meteorolóxicas son máis desordenadas: períodos moi cálidos en outono, veráns máis fríos do normal... E outra cuestión que comeza a afectar en Galicia: o aumento dos fenómenos extremos.

ANA GARCIA

A zasense Mabel Montes abordou a comunicación do tempo na televisión

A xornalista de Lamas (Zas) Mabel Montes foi outra das participantes nas terceiras xornadas A luz da ciencia, que xa poden visualizarse a través da Rede. Ela, que leva dez anos ofrecendo información meteorolóxica a través da TVG despois de recibir formación específica na materia, explicou aos asistentes os pormenores da comunicación do tempo a través da televisión.

Falou, por exemplo, do material gráfico que empregan para acompañar as súas informacións, tanto propio como remitido polos televidentes. «Esas imaxes son para nós moitas veces fonte de coñecemento, porque nos avisan de enchentas ou de lumes forestais, por exemplo», comentou a zasense, que contou tamén como algúns espectadores chaman con asiduidade para coñecer o prognóstico do tempo e así poder desenvolver, por exemplo, determinadas tarefas agrícolas.

Tamén incidiu Mabel en que os comunicadores meteorolóxicos teñen a «obriga» de empregar ben o vocabulario máis técnico e de non dar lugar a confusión.

Mediante diferentes exemplos audiovisuais explicou as características do seu traballo e como, nos últimos tempos, empregan un formato diferente para chegar aos usuarios máis novos que empregan redes sociais tan dinámicas como Instagram, Tik Tok ou Twitch. «Á xente máis nova non lles podes contar o tempo como o facemos na TVG. Hai que tirar case do entretemento», dixo, aínda que segue existindo unha porcentaxe elevada da poboación que ten «esa cultura de que lles conten o tempo pola tele».

Amosou, así mesmo, exemplos de como narran as previsións meteorolóxicas outras televisións do mundo e como esa sección, nalgunhas partes, actúa como «reclamo publicitario».