Unha nova conquista

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

07 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha nova conquista. Unha guerra táctica que consiste en encher de viraventos a nosa costa. Pistas enormes, forxadas en tempo récord que aguantan toneladas de artillería que irán en soportes inmensos de formigón armado. Houbo un tempo onde a xente non podía dicir nada. Eran os tempos onde se construían encoros nos nosos ríos, sen planificación, con presas que ás veces rebentaban. Industria que nos converteu en potencia obsoleta.

Hoxe, a febre mudou. Asédiannos inmensos muíños de vento. As andavías, como lle chaman os vellos, non son perxudiciais de por si. O malo é que nos rodeando, como unha poderosa muralla, rompendo a nosa paisaxe, eliminando os nosos lugares máis virxes.

No Día do Medio Ambiente, congregáronse centos de persoas na Praza de Obradoiro nun berro conxunto a prol da planificación dos parques eólicos. Púxome tristeira só unha cousa, apenas só se vían carteis de asociacións e de partidos de esquerda, a meirande parte nacionalistas. Eu non voto ao Bloque Nacionalista Galego mais podo loar a xestión e a preocupación que padece por unha problemática que se está estendendo silenciosamente por todo o país. Dáme mágoa que, aqueles partidos políticos que nunca se mollaron no pasado ou forneceron a proliferación dos encoros, non teñan a decencia de emendar os seus erros e loitar por salvagardar o máis puro que podemos ter: o patrimonio noso.

Namentres, nas nosas aldeas, os gandeiros madrugan pola mañá para muxir as vacas, así como no serán. Os animais teñen un reloxo biolóxico que non entende de horas val, tarifas planas ou horas punta. Continuarán asumindo o sobrecuste da factura da luz aínda que teñan que observar con xenreira todos os días os seus montes violentados.