Miguel Canalejo, actor: «Estou intentando eliminar os plásticos que teñen un só uso»

La Voz

CARBALLO

.

ECOVOZ 2021 | O actor, protagonista da comedia negra de moda, «Método criminal», asegura no fogar fai separación de residuos

07 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

É un dos protagonistas da comedia negra de moda, Método criminal, o último proxecto de Voz Audiovisual para a TVG. O actor Miguel Canalejo interpreta a Damián. «Temos unha audiencia fiel, sabemos que hai moita xente á que lle gusta a serie e que se mantén pendente do que vai pasando. Son moi cariñosos pola rúa e creo que teñen nesta ficción unha vía de escape para estar entretido», resume.

 -E a partir de agora, como se presenta o que resta do 2021?

-Estou cunha curta O neno sardiña. É de Lucía Estévez xunto con Cósmica. Móvese dentro dun xénero fantástico e está inspirado nunha idea na que Lucía leva traballando moito tempo. Ímola rodar en xuño xunto con María Vázquez e un elenco completísimo.

-No medioambiental, como se define?

-Pretendo estar, aínda que pouco a pouco, cada vez máis concienciado. Teño unha compañeira que traballa no Aquarium da Coruña e que está facendo un doutorado. Ela é unha especialista nestes temas, é a que teño de man e é a que rifa con nós, por exemplo, cando reciclamos mal. Penso que teño que ir facendo cambios no día a día para cumprir coa miña parte.

-En que cumpre xa?

-Na casa separo, desde vidro a papel, pasado polo resto. E estou intentando eliminar os plásticos que teñen un só uso.