Cultura segura no mes das Letras

Anxo M. Lorenzo Suárez PLUMAS CON MANDO

CARBALLO

MARCOS MÍGUEZ

Plumas con mando | Escribe o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, sobre este maio repleto de citas importantes co retorno do contacto co público

16 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Este mes trouxo canda si a reactivación das programacións e ciclos culturais que percorren a xeografía galega con actividades presenciais, sempre coa precaución da evolución dos indicadores sanitarios. Apostamos por unha cultura que facemos segura entre todos, porque os que participan nela -programadores, profesionais, artistas e institucións- poñemos todos os medios para que a experiencia dos participantes sexa axeitada a este momento de obrigada precaución.

Coa presentación do programa do Festiletras 2021, organizado un ano máis por unha Fundación Pondal ambiciosa nos obxectivos da súa misión cultural e socio-pedagóxica, reactívase en Ponteceso unha programación que vai ter protagonismo no mesmo día 17 de maio e que se prolongará, igual có ano pasado, ao mes de setembro. A Fundación acerta ao formular propostas de calidade para chegar a públicos diferenciados.

Dúas mulleres teñen nome propio neste mes. Por unha banda, Emilia Pardo Bazán (1851-1921), da que se cumpre o centenario do seu pasamento; unha narradora, articulista, intelectual e axitadora cultural da época, con profundas raíces na súa Coruña natal e en boa parte da Galicia, que defendeu con firmeza o cambio do papel das mulleres na sociedade desde unha perspectiva feminista, ao tempo que publicou algunhas das páxinas literarias máis relevantes da novela do século XIX, desde o realismo e o naturalismo. E por outra banda, Xela Arias (1962-2003), celebrada no Día das Letras Galegas deste ano como poeta, tradutora e editora. Nada en Sarria e finada nun Vigo no que desenvolveu a parte máis fecunda da súa traxectoria vital, levou a cabo un traballo literario e editorial de alta calidade, que agora, case vinte anos despois do seu pasamento, se revela capaz de conectar coas novas xeracións da creación galega contemporánea, na literatura, música, imaxe ou artes plásticas, con propostas suxestivas que actualizan o carácter vangardista e atemporal da súa formulación estética.

Ambas comparten a forza creadora de mulleres que reivindicaron o seu papel na sociedade e na cultura da época que lles tocou vivir, cunha actitude transgresora e rupturista que se está a poñer de relevo nas moitas iniciativas de divulgación que, desde as institucións públicas e privadas, se están a presentar nestas semanas. E non podemos pasar por alto que tamén celebramos neste mes o 25 aniversario da creación do Batallón Literario da Costa da Morte, un fito especialmente relevante para a comarca e de impacto significativo no conxunto da cultura galega. Ademais de ser un proxecto de dinamización literaria baseado na poesía, coa organización de certames, premios e encontros nos que se divulgaba a creación poética dos membros do grupo, o Batallón difundiu o traballo de poetas e narradores que conformaron unha agrupación polifónica, con membros de diferentes orientacións estéticas e de varias xeracións, como Concha Blanco, Estevo Creus, Modesto Fraga ou María Canosa.

Iniciativas individuais e proxectos colectivos; celebracións institucionalizadas e novos emprendementos locais; ámbito público e iniciativa privada... Todo isto e moito máis forma parte do día a día da cultura galega, que volve ao contacto directo cos seus públicos en contextos presenciais seguros, agardando que frutifiquen proxectos que quedaron suspendidos pola pandemia, e que agarda un Xacobeo 21-22 que continúe a servir de elemento tractor para a cultura popular e para a industria cultural de Galicia.