Mañá coñecerase o fallo deste concurso que chega á súa cuarta edición
08 may 2021 . Actualizado a las 16:54 h.Xa non queda nada para coñecer aos gañadores do certame Contos de Primavera promovido por La Voz de Galicia e Radio Voz, co patrocinio da multinacional Calvo, que vén apoiando esta iniciativa dende a súa orixe. Contos de Primavera chegou neste 2021 á súa cuarta edición, logo do parón do 2020 pola pandemia, e dende o comezo tivo boa aceptación entre os centros educativos e estudantes de secundaria das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra, ademais do municipio de Cerceda. Desta volta, son medio cento os textos que terá que valorar o xurado, do que mañá, domingo, se coñecerá veredicto.
Chegaron os traballos dende a EFA Fonteboa (Coristanco), o CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco), o IES Parga Pondal (Carballo), o CPI As Revoltas (Cabana), o IES Monte Neme (Carballo) e o colexio Manuela Rial Mouzo (Cee), algúns deles veteranos participantes tamén do concurso Contos de Nadal, con maior traxectoria e pensado para alumnos de primaria. A estes habería que engadir textos doutros centros que se presentaron fóra de prazo, polo que non entran na valoración. Na volta do Día das Letras Galegas, este certame anima á creatividade literaria e pretende ser un incentivo para alentar o pulso na escrita dos rapaces da ESO.
Hai talento, e fica claro nalgúns dos contos achegados, moitos impregnados de misterio, de vivencias acaídas a estas idades e, tamén, de novas tecnoloxías. Temas paisaxísticos, etnográficos, históricos ou patrimoniais habían de ser o necesario contexto dos relatos, e así foi: hai festas, hai tradicións, hai espazos emblemáticos da Costa da Morte, envoltos nunha narrativa destacada en boa parte dos casos.
O xurado, integrado pola escritora Natalia Lema; o poeta Modesto Fraga; o experto en toponimia Fernando Cabeza Quiles; o xornalista e delegado de La Voz en Carballo, Xosé Ameixeiras; e a xornalista Patricia Blanco, deberá seleccionar un total de dez contos: os autores dos tres que reciban maior puntuación faranse con agasallo e diploma e, os sete restantes, con diploma.
Carballo volverá acoller a entrega dos galardóns, un acto que está previsto para o vindeiro sábado, día 15 de maio, con aforo reducido e respectando todas medidas hixiénico-sanitarias que marque o protocolo anticovid.
Os gañadores dos tres primeiros anos
Enrique Fernández, alumno da EFA Fonteboa de Coristanco, foi o gañador da edición 2019 de Contos de Primavera, na súa terceira convocatoria. Hadrián Félix Neira, estudante no IES Eduardo Pondal (Ponteceso), mereceu o primeiro premio no 2018 e, na primeira entrega deste concurso, 2017, recaeu ese posto en Lucía Varela (colexio Manuela Rial Mouzo de Cee).