A picada da mosca


Meu avó levou a primeira dose da vacina de Pfizer. Apenas dous minutos pasan dende que a enfermeira lle saca a envoltura á inxección ata que presiona o embolo da xeringa para que o líquido entre no torrente sanguíneo. Namentres pasa isto, meu avó que era moi apreensivo coa vacina, aproveita para agradecerlle á moza, que toma con humor a xornada. Explícalle que lle pode doer algo o brazo, que pode ter algo de proído ou algo de moco. Se sente estes síntomas leves, que tome paracetamol. Tócalle a quenda a outro paciente, o ritmo non se detén.

A seguinte é a irmá de meu avó. Ao ser unha citación por apelidos, tócalle na mesma franxa horaria, xa que desconxelan de cinco en cinco vacinas. Despois de tanto tempo sen poder vérense, e aínda que sexa a distancia, ninguén pode imaxinar o que é ver o seu reencontro entrañable.

Se algo observei mentres acompañaba a meu avó, foi a alegría de todos os maiores, as dúbidas evidentemente, pero tamén a esperanza de volver a tempos mellores para reencontrarse con seus irmáns.

Os que saían xa vacinados animaban aos demais. “Doe menos que a picada dunha mosca!”, dicía un señor. As moscas sempre foron asociadas da morte, coido que estas picadas simbolizan algo ben contrario, a forza inexpugnable de continuar vivindo. Agardo que proximamente sexamos todos os que recibamos a mesma picada, gromo de saúde.

No mes de marzo do pasado ano, sentimos un medo atroz, por nós e polos nosos. Coido que non éramos conscientes de que estábamos a vivir un momento histórico sen precedentes. Moita xente quedou atrás pola enfermidade, padeceron moitas familias. Penso que os ventos empezan a soprar favorables e na dirección correcta para sentirmos unha certa e comedida alegría.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A picada da mosca