Ser fráxiles

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

18 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta é unha epístola de dor e ausencia. Un artigo dedicado á dó que presentan centos de amantes que por mor dos peches perimetrais non poden verse. Tanto que falan de que o confinamento uniu parellas e ninguén se decata do agravio que causan para os encontros apaixonados.

O digno labor de amar é un xogo de xadrez onde calquera peza pode causar un dano irreparable e desasosego. O mundo muda, pero a xente continúa rexéndose polo desexo, pola cálida sensación de sentir a pel e a calor humana por moitos Satisfayer que poidan saír no mercado. Precisamos amar, irrevogablemente, aínda que sexa un amor non correspondido e tremendamente solitario. Para mostra un botón e Frida Khalo, cuxas cartas desmenten o mito de que Diego Rivera era o epicentro do seu mundo.

Quen non quixera ter un Alejandro Finisterre para mandarlle misivas cargadas de morriña e intencións en papel, sen a frialdade e a inmediatez dos medio dixitais. Atopar en cada visita do carteiro un motivo para suspirar e mirar con premura se algún remite nos fai acelerar o pulso pausado dos nosos latexos enrarecidos.

Tanta distancia fai que, por uns intres, volvamos aos tempos de nosos avós, onde acudían ás foliadas e ás romarías despois de todo un día de traballo. Ás veces en garridos cabalos, os máis humildes a pé, coa única premisa de botar un baile co amado ou a amada.

Nunha das primeiras entrevistas que me fixeron na radio, preguntáronme que opinión tiña do estereotipo de que a mocidade está mais desbocada hoxe en día. Respondín o que penso. O pasar dos anos danos a experiencia suficiente para poder dar consellos e esquecer, ilusa e terriblemente, que un día tamén fomos novos e fráxiles ante o amor.