A auga cotiza

Natalia Lema Otero

CARBALLO

14 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha ducha, gástanse sobre cen litros de auga. Premer o botón da cisterna do baño, utiliza entre oito e dez litros. Lavar con despreocupación os dentes consome entre cinco e dez litros, ao minuto.

Dende primeiros de decembro, a auga cotiza, non coma un ben que se compre e venda, máis ben coma un dereito futurible para ir marcando prezos. Pensen vostedes que, para que isto ocorra na maior bolsa do mundo, debe de existir unha razón o suficientemente ambiciosa. O cambio climático, a contaminación e as secas, están a debuxar un mapa desolador.

Bolivia foi un dos países que tivo a súa propia guerra da auga, con seis mortos e 175 falecidos no ano 2000. Prevese que a escaseza paulatina do ben e os conflitos armados derivados desta problemática aumenten no próximo século. Pensen no transcendental do feito. O que poderían implicar as flutuacións dos prezos nos estados políticos dos países. Visualicen as Primaveras Árabes, a especulación sistemática dos alimentos e o trigo que deron orixe ás revoltas.

Cotizar a auga é coma poñer á venta o osíxeno que respiramos. Privatizar un ben escaso e poñelo a disposición de só uns poucos coa escusa ineludible da oferta e a demanda. En realidade, quizais levamos obviando un problema demasiados anos cando 2.200 millóns de persoas en todo o mundo non teñen acceso á auga potable, ou o que é o mesmo, 1 de cada 3 persoas no mundo. Cando esquivamos a realidade de milleiros de nenos que andan quilómetros con caldeiros ás costas para extraer auga turbia e con enfermidades como a poliomielite, a cólera ou a meninxite.

Quizais, un día abrir a billa non sexa un xesto tan sinxelo. O ciclo da auga remata cando as persoas interrompemos o ritmo da natureza.