Adro, unha idea de bar que durou 40 anos en Baio

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Nun día como hoxe, hai catro decenios, constituíuse legalmente a asociación Adro de Baio

29 nov 2022 . Actualizado a las 20:22 h.

Fundar unha asociación era entón cousa de valentes. Aínda comezaba a saborearse a recén estreada democracia e non había demasiados precedentes, pero a idea nacida entre un grupo de amigos arredor da mesa dun bar acabaría por converterse no principal exemplo de asociacionismo en Baio, perdurando ata a actualidade. Un 11 de decembro de 1980 naceu a asociación Adro e Ricardo Vigueret estivo alí para velo. «Queriamos facer algo para dinamizar a vida cultural da localidade. Houbera algún antecedente, sobre todo co finado Pepe de Valiña, pero nada que estivese oficialmente constituído, así que de aí saíu: dunha charla de bar», sinala o mestre.

Trala xunta xestora, comandada por Antonio Montero, Vigueret foi o primeiro presidente. Tras el viñeron Fidel Fernández, Ramón Lema, Ramón Núñez, Miguel Santos, Lourdes Pérez, José Manuel Rodríguez, Carlos Domínguez, Sabrina López, José Reborido, Olga Mouro, Martina Rodríguez e Fran Gavín. Catorce presidentes que deixaron cadansúa pegada na entidade ao longo destes catro decenios. «A idea era xuntalos a todos como homenaxe a estes corenta anos», explica o actual dirixente, «teriamos música en directo e a actuación dos grupos, pero non puido ser. Agardamos poder retomalo máis adiante», engade Gavín.

Adro foi, neste tempo, un piar para a sociedade baiesa. Un belén xigante foi a súa primeira actividade como asociación, aló polo Nadal do 1980, pero despois viñeron proxeccións de cine, concursos para os rapaces, actos culturais de todo tipo e mesmo o xermolo dunha revista cultural que chegou a ter un único número.

«Tamén, no primeiro mandato, recuperamos unha antiga festa que facían os pescadores nos anos 60 e 70 e transformámola na Festa da Carballeira», rememora Ricardo, un dos promotores, tamén, da vertente teatral que acabaría por converterse nunha entidade propia: o grupo Badius.

Alí onde haxa algo que celebrar, conmemorar ou reivindicar estará Adro. E o futuro, aínda que incerto, está garantido. Congratúlase Ricardo de que esta nova directiva recórdalle moito a eses seis mozos que soñaron, arredor da mesa dun bar, cunha agrupación que enxalzase a cultura baiesa: «Se seguen así, dando conta do tradicional, creo que teñen un gran futuro garantido», aposta.

PASADO | Vocación de dinamización da cultura baiesa

Un belén xigante foi a primeira actividade promovida por Adro despois de nacer por iniciativa de varios mozos que adoitaban reunirse nun bar. Proxeccións, concursos e mesmo un intento de revista cultural foron as primeiras actividades promovidas. Despois viría o teatro, a sección tradicional, cabalgatas...

PRESENTE | Nun incerto impás, coa música por bandeira

As clases de música e baile tradicional veñen sendo o principal cabalo de batalla de Adro nos últimos anos. Tamén fan numerosas actividades infantís, festivais musicais e coorganizan a Festa da Carballeira de Baio. Teñen recibido numerosos premios, o máis recente: o Interritmos Son do Rural, en setembro.

FUTURO | Relevo garantido cunha directiva rexuvenecida

Adro incorporou, na última renovación, a mozos moi novos á súa directiva. O seu presidente actual, sen ir máis lonxe, ten tan só 22 anos. O relevo xeracional está máis que garantido, aínda que agora enfróntanse a retos maiúsculos, como o presentado polo covid. Esperan retomar as clases de música tradicional o vindeiro curso.