A primeira neve

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

07 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegou a primeira neve de decembro en Suíza, caendo folerpas pequeniñas que foron fiando un manto branco que o cobre todo. A xente mira a neve este ano con certa nostalxia dende os cristais. Moitas familias non poderán regresar a Galicia por estas datas e a nostalxia inúndao todo nas mensaxes e as videochamadas.

Namentres escribo estas liñas, non neva, pero hai un certo deixe de melancolía mentres observo a chuvia que esvara polas fiestras, nestes días tristeiros. Esta semana, morreu un veciño por mor do covid. Loitou coma un heroe durante semanas nunha unidade de coidados intensivos. As cifras de mortos que saen cada día na televisión, coma os caídos nunha guerra sen cuartel, semellan triviais. Sono ata que lle pos cara a aquilo que non é máis ca un número. Rememoras as bromas, os sorrisos daqueles que se foron e pensas na dureza e na frialdade que nos deixa a pandemia. A xente non morre, transfórmase en recordos que un atesoura en cachiños miúdos.

Nestas próximas semanas, faltarán moitas persoas nas mesas de todo o país. Haberá moita xente que non terá a oportunidade de cear con quen quere e sentirá o ano próximo coma unha lousa pesada. Morreron máis de corenta mil persoas nas dúas vagas da enfermidade, na ausencia, na dor, na soidade imposta polas medidas preventivas. Toda unha xeración de avós perdidos. Por desgraza, haberá pupilas que non terán a sorte de captar os raios de luz que se filtran nestes días neboentos e de borralla entre as nubes.

Este Nadal, deberiamos celebrar a vida, pensando que aínda queda moito por facer, que unha vacina non nos vai liberar das restricións. Este artigo vai por todos aqueles que botarán en falta a alguén nas súas casas. Vai polo noso querido veciño. Descansa en paz.