Están previstas dúas covas célticas, unha con Luis G. Souto e outra con Ramón Villares, autor da Historia de Galicia
04 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Non foi un ano fácil para ninguén, tampouco para a Fundación Pondal, que, a pesar das circunstancias, no tivo descanso. Tampouco no último mes, no que se celebra o 12.º aniversario da creación da entidade. No programa fixado para este decembro están previstas dúas covas célticas, unha sobre o libro Outro e novos Queixumes, e outra, sobre a Historia de Galicia de Ramón Villares que publica La Voz de Galicia.
Hoxe mesmo, ás 17.00 horas, está prevista na Casa dos Veciños do Couto unha interpretación do Teatro dos Ghazafellos. Será o espectáculo, dirixido para público familiar, titulado Monstros no Camiño. Mañá haberá, no mesmo escenario, unha actuación de Viravolta títeres, que levará á parroquia pondaliana os Monicreques de Seis Dedos coa obra Cocer e cantar no Camiño de Santiago.
O aniversario da Fundación Pondal será o domingo 13. Con ocasión desta data están previstas varias iniciativas, que se desenvolverán os días 18, 19 e 20, cunha homenaxe ao himno galego.
Na primeira destas tres xornadas haberá unha cita dobre. Ás 12 da mañá haberá una lembranza relacionada con símbolo de Galicia e, logo, presentarase no instituto Eduardo Pondal o documental Vértice dos versos. Asistirá o propio autor, Carlos Lorenzo.
O 19 celebrarase unha das dúas covas célticas previstas. Luis G. Soto disertará cos outros participantes sobre o seu libro Outros e novos Queixumes, unha análise da principal obra pondaliana na que se afonda nos aspectos máis singulares dos versos do bardo pontecesán, a súa influencia e a súa importancia. É unha indagación filosófica na que se incide en novas visións e aquelas outras xa moi debatidas en torno ó monumento poético que para os editores é «unha caixa de sorpresas».
O día 20 tamén hai cita dobre. Por unha parte, haberá outra cova céltica, neste caso con Ramón Villares, para falar da Historia de Galicia que publica La Voz. Será ás 12 do mediodía, na sede la Fundación.
As cinco da tarde haberá unha interpretación colectiva do himno por parte grupo de música e baile tradicional Donaire. Leva por título A aldea do himno e será no espazo coñecido como O Quinteiro.
Este programa conta coas achegas do Xacobeo, da Consellería de Educación e Cultura, a Secretaría Xeral de Igualdade, a Deputación e o Concello de Ponteceso.
Amais hai outras actividades, mesmo onte continuaron as actividades de mindfulness. Trátase dun plan de tres semanas para nenos para abordar sentimentos e outras cuestións similares con sesións para sete nenos, segundo explicou María Teresa Vilanova, unha das psicólogas clínicas que o imparten. Logo seguen tamén as propostas da Casa da Muller, que inclúen clases de cestería e teatro, dentro de Saberes de muller. E mantéñense, así mesmo, os cursos das Aulas científicas.