O idioma, tal e como a relixión, é unha arma ideolóxica de dobre fío. Dende sempre, as culturas hexemónicas absorberon os trazos de identidade que confiren a personalidade a un pobo en si. É unha forma de dominar. A min, estes días, o debate da nova lei de educación paréceme unha parvada. Con cada cambio de Goberno elabórase unha nova normativa que vai variando en función de quen dirixe o ministerio en cada momento. Parece inverosímil que nos temas de maior calado e importancia sexamos tan belixerantes e polarizados.
O problema do galego é que leva moito tempo sendo utilizado pola política máis insípida, dende dereitas e esquerdas. Cando debería ser un ben intanxible prioritario, é sen dúbida a lingua máis minorizada de toda a península ibérica, cunha depreciación social máis que evidente.
Cando eu estudaba, pediamos as explicacións en galego e os apuntes en castelán. Pensen vostedes que a nosa xeración aínda herdou que o galego é para rexistros coloquiais e o castelán para extractos cultos. Xa sei que moitos me desmentirán pero ben que cambian de idioma cando van A Coruña ou cando teñen que expoñer un discurso en calquera acto. Pasa o mesmo con esa famosa cadea de alimentación que reivindica o galego nas campañas publicitarias pero, cando estás alí, a voz que sae dos altofalantes é castelán puro.
Nós temos a sorte de nacer bilingües. De levar o legado dos nosos vellos na lingua. Mais sempre están os ofendidos como os da Real Academia Española ou Bertín Osborne, que no pasado xa asinara un manifesto rancio e pouco contrastado sobre o galego con outras figuras de diversa índole.
Que mágoa de país que vive na polémica, que mata o seu patrimonio, feríndoo e sangrándoo coma se non fose propio.