Desde a xanela

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

02 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Aquel día de verán que quedamos no Celme Café, pedira unha tónica con limón e os meus acompañantes un té estrambótico da carta. A xente pasaba pola rúa, sen máscaras. Agora que o penso, opino que a miña preocupación máis incipiente naquel momento era observar as burbullas do vaso estourar. Quizais eran máis naqueles intres pero, agora, despois de tanto encerro, semella que calquera tempo pasado foi máis feliz e libre.

Nestes días, véñenme recordos así, fugaces, como a estela dunha muller diferente, moito máis fráxil que habitaba en min. Dóeme pensar en tódolos veciños que están a padecer a covid. Apelo tamén a responsabilidade porque tamén hai xente que pasa o confinamento domiciliario facendo vida normal. En cada un de nós habita a conciencia, o órgano máis eficaz para determinar se estamos a facer as cousas ben ou non. Falo dende a interpelación a ética, non facendo unha crítica sen coñecer as circunstancias de cada quen.

Eu sempre digo que o máis doloroso dunha PCR non é o intenso desasosego que produce o pauciño polas fosas nasais. O máis incómodo é ese momento de descubrir a nariz, esa incerteza, a vulnerabilidade que se sente cando un enche os pulmóns de aire antes de facer a proba.

Son momentos difíciles, de medo cara a saúde de quen amamos. Aínda que non nos guste asimilalo, xa non vivimos na mesma realidade que hai oito meses. Somos hoxe en día o resultado da resiliencia tamén.

Penso agora, namentres as gotas de auga esvaran pola miña xanela, en tódolos cafés que adiei e morro por tomar, nas ganas que teño de sentir a vida sen restricións nin fronteiras. O tacto da pel allea e as apertas. É ben certo que un non sabe o que ten ata que o perde.

Forza, meus benqueridos veciños.