Premio Interritmos para Millo Miúdo, de la asociación Adro de Baio

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Foron un dos tres grupos gañadores do certamen Sons no Rural convocado por la asociación Deloa

18 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Xaloucos por Soneira é a peza coa que unha parte do grupo Millo Miúdo, da asociación cultural Adro de Baio, gañou o concurso de música tradicional Interritmos Son no Rural, convocado pola asociación Deloa e no que tamén resultaron galardoadas as formacións Ailá (Santiago) e Os Monifates (Barbanza). Unha das partes do premio, segundo conta Fran Gavín, presidente de Adro e ademais parte da formación participante, é unha actuación en directo «no que dan en chamar territorio Deloa», que virían sendo as comarcas de Barbanza, Sar, Noia e Muros. A eles correspondeulles A Pobra do Caramiñal: será mañá, sábado, ás 13.30, na Alameda.

O certame propoñía a gravación dun tema baixo unha característica esencial: había de ser tradicional. «Decidimos participar e seis persoas do noso grupo xuntámonos en Lugo [onde tiñan a man todo o equipo preciso], gravámolo e presentámolo», conta Gavín. Xaloucos por Soneira é unha peza de Dani Bellón e David Canto (este último, profesor na entidade). Na gravación, ademais de Canto, tomaron parte Fran Gavín, Alberto Fuentes, Atenea Senande, Antía Suárez e Pablo Queiro. Non obstante, na actuación de mañá estarán David Canto, Fran Gavín, Atenea Senande, Pablo Queiro, Martín Romero, Nuria Vilariño e María Castiñeira. Outra das partes do premio Interritmos será a gravación dun tema nun estudo profesional coruñés. Boas novas, pois, para a comarca. Integraron o xurado Miguel Sotelo, Olga Kirk e Pablo Díaz.