A escola de Comiáns


A ver. Nin moita xente nin eu comprendemos isto: a Consellería de Educación, agora cun acreditado doutor en Xeografía (USC) ao mando, decretou pechar dúas escolas infantís (EEI) en Galicia: a larachesa do lugar de Comiáns -parroquia de Montemaior- e a brionesa da Luaña (DOG, 12 de agosto do 2020). Nun contexto normal, optimizando os recursos, cumprir a lei quizais xustificase a decisión (?), mais non agora, por favor, co andazo cabalgando desbocado.

Descoñezo o caso puntual do colexio da Laracha, que dispón dun edificio chusquiño, ben arranxado. Pero si que rastrexamos datos sobre a escola da Luaña: hai cinco alumnos e alumnas e precísanse seis (só un!) para manter aberto o centro, a mestra ten novo destino e xa non culminará o ciclo inicial cos seus pupilos. Migrarán os cativiños a diario ao CPI de Pedrouzos (Brión), na capital municipal, máis atestado e distante. E isto execútase cando tanto se fala de dinamizar o medio rural, da redución de ratios e da querenza polas «aulas burbulla». Inda no pasado agosto soubemos que os pediatras recomendan como idóneo crear este tipo de xeitosos grupos e a boa ventilación. Tres cuartos do mesmo: na Luaña e en Comiáns ben que se cumpren tales consellos.

Decote no noso mundo gástanse moitos euros en cousas prescindibles ou fatas, no medio da pandemia que nos tolle. É difícil entre os xestores públicos a toma de decisións, aquilatando os recursos ás necesidades sociais. Porén, neste caso non semella un dispendio astronómico nin autonómico manter viva unha escola infantil rural. A educación, o Sapere aude! kantiano e ilustrado, debe ser unha aposta prioritaria, crucial. E son só dúas EEI quen carecen dun estudante para que as normas vixentes as deixen abertas! Recuaremos aos tempos centenarios nos que os emigrantes erguían e financiaban escolas parroquiais de seu, cando o Estado non as construía?

Seica na decisión non hai volta. Os fríos cálculos económicos e estatísticos pode que xeren razón nesta desfeita, evitable? Seguramente é legal. Certamente é errada. Non é posible reconsiderala? Leis mutables, excepcións. Con todo, son pirrónico nisto. TIC si, pero sen esquecer os valores do maxisterio, das humanidades...

Este malfado educativo xungue ambos núcleos rurais dos lindeiros das comarcas da Maía e Bergantiños. Seguro que Comiáns (ou Cumiáns, na toponimia oficial) tamén ficará algo máis agoniada e triste. E, se non ten remedio, ás nais e pais vailles supor máis tempo, ansiedade, transporte, gastos... Abraia, doe. E tampouco nas terras da Laracha o entenden.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

A escola de Comiáns