Premios para Irma Macías e Xabier Díaz no Esencia Festiletras 2020

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Para ela irá o Literatas, da man de Lupe Blanco; e para él, o Bo Xeneroso: días 5 e 6 de setembro

28 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O vindeiro luns, 31 de agosto, botará a andar a andar o festival Esencia Festiletras, un formato diferente para a tradicional celebración na aldea pontecesá do Couto no que as datas serán distintas; os aforos, limitados, os espazos, ao aire libre e as medidas de seguridade, moitas. Nese ánimo de ser un lugar de protección da cultura, das persoas e do traballo en favor do espírito común, haberá este 2020 tempo para entregar dous galardóns, os premio Literatas e o premio Bo e Xeneroso. O covid-19 tamén afectou a estas propostas, toda vez que pasan a ser dous os afortunados, en lugar de dous e cinco, respectivamente, como era habitual.

O Literatas 2020 vai recaer na vimiancesa Irma Macías, fortemente comprometida coa música galega e sempre disposta a emocionar no Couto. Recibirá o seu galardón de mans doutra Literata, a regueifeira coristanquesa Lupe Blanco: será o sábado, 5 de setembro, a iso das 18.00 horas. Blanco irá fiando o acto coas súas coplas.

ANA GARCÍA

Doutro lado, o Bo e Xeneroso recaerá nesta edición no música Xabier Díaz, que volverá á terra das Festiletras acompañado das Adufeiras de Salitre. Moito ten bebido e bebe Díaz da tradición cultural da Costa da Morte, onde ten feito numerosas recolleitas. Un traballo de posta en valor da raíz, do propio, que logo espalla polos auditorios máis diversos. Lois García Carballido, presidente da Fundación Eduardo Pondal, será o encargado de entregarlle o premio: o domingo día 6 de setembro, ás 18.00 horas.

Ollo ás entradas

Todos os actos previstos para este 2020 estarán marcados por unha participación moi limitada e por un estrito control das medidas sanitarias precisas. É, din, a única forma de seguir gozando da cultura. O mércores, ás 13.00 horas, puxéronse á venda en Ataquilla.com as entradas para os concertos de Sés (sábado 5) e Xabier Díaz (domingo 6): onte non quedan xa moitas, polo que os interesados deben darse présa.