Moitos coma min poden falar das súas experiencias de pequenos nos aeroportos. Intensas, frecuentes: voos internacionais debidos á emigración, que é o escudo heráldico que levamos na fronte unha morea de xente. Imposible resumilas aquí, mesmo as diferenzas entre ir a Lavacolla ou a Alvedro. No da Coruña, durante moito tempo, case podías tocar os avións na pista, cunha pequena valla metálica que nos separaba daqueles campos de soños. Ir ao aeroporto era un acto transcendente, vital, de partidas e chegadas, de despedidas e benvidas, xeralmente anuais. De levar a roupa nova e ata comida para a viaxe, con parada a medio camiño, en coches e estradas que nada teñen que ver coas de hoxe.
Todo cambiou, por suposto. Nós, as estradas, a aviación. O mundo, os mundos. Ata que chegou o coronavirus, moverse polo aire nesta parte de Europa era case como ir en bus. Estou esaxerando, si, pero tiven esa sensación varias veces nos voos de Suíza a Santiago, sobre todo de volta. Faltábanme os galos na cesta de mercar na feira. Non o digo por mal, ao revés: esa sensación de estar na propia terra cando vas a 11 quilómetros de altura e a 900 por hora, vindo para a casa. Sei de xente que fai (facía) eses traxectos ata tres veces ao mes: moitas conexións, prezos asequibles agás na época alta, horarios razoables. O de Londres-Heathrow, que é o que mellor coñezo, é un privilexio, un luxo. Hora e media de Culleredo a unha das capitais do mundo. Tamén unha necesidade: ía e viña sempre cheo, a diario. A conexión de Fráncfort e de París con Santiago e Vigo tamén funcionou ben. Pois aló van, de momento, pola crise esta. Os de Suíza, entre os cambios de temporada e as corentenas, xa veremos. Unha mágoa: a ver se voar acaba sendo o que foi.