O Anllóns e A Laracha

Luis Giadás

CARBALLO

ANA GARCIA

«Pero a galiña? Quen é a galiña? Pois é a propia terra larachesa, vizosa e fértil, o 11% de toda a produción de horta da provincia coruñesa»

23 ago 2020 . Actualizado a las 20:23 h.

Conta Eugenio Carré Aldao, na súa Geografía del Reino de Galicia, que, dominando a parroquia de Santiago de Vilaño e a rentes do Camiño do Pino Macho, érguese, no altor do monte de Canedo, o castro de Montes Claros. Naquela fortaleza prerromana hai unha fonte ao seu pé: a Fonte do Pito. Disque cada véspera de San Xoán Bautista, xorde, de súpeto, do seu tobo unha repoluda galiña cos seus dourados pitiños e que vai toda a rolada a beber daquela fonte. A galiña e mailos pitos xogan, horas e horas, ás agachadas, con aqueles curiosos que estean á espreita para atrapalos e acadar deste xeito o tesouro do castro. Ao final, esváense ata a véspera de san Xoán do ano seguinte … e todo porque os cazadores de tesouros non lles botaron enriba deles auga, un pano, unha gorra ou un sombreiro, ordeándolles: «Dádeme a miña riqueza, toma a miña pobreza!».

Mais, na realidade, a galiña e os seus pitiños de ouro si están todo o ano con nós neste concello da Laracha. Un dos poliños, metamorfoseado en pedra, conserva a Pegada do Xentil, na croa do propio castro de Montes Claros; outro, na beira do paseo fluvial de Gabenlle, agocha o Petón da Velliña; ou ben marca os lindeiros dos primeiros laracheses como é o caso da Pedra do Ghicho, na parroquia de Santa María de Erboedo; ou, así mesmo, sinala as distancias, como o miliario na honra do césar Decentio, atopado no interior da igrexa de Santiago de Vilaño; ou, pacientemente labrado, edifícase en magníficos templos góticos como O Convento -a actual igrexa de san Pedro de Soandres-, en soberbios castelos, como as Torres de Cillobre, ou en impoñentes pazos como o de Montes Claros.

Ás veces o poliño de pedra tórnase nunha talla delicada e policromada, como é a santa Marta de Coiro, agora na igrexa de Soandres; nuns capiteis visigóticos reconvertidos en pías de auga bendita, como se ve en santa Mariña de Lemaio ; no bizarro elefante do canzorriño da igrexa de san Xulián de Lendo; ou nun rotundo cilindro, como son as moas que molturan a fariña ao longo do Anllóns, por exemplo nas fervenzas, na parroquia de Santiago de Vilaño, ou aquí mesmo, en Gabenlle, na parroquia de santa María de Torás, e cuxa historia podemos aprender no Centro de Interpretación dos Muíños, na antiga reitoral de san Bieito de Golmar.

Outro poliño transformouse en madeira de carballo ou de castiñeiro, construíndose así as moegas, canaletas e tarabelos dos muíños e os retablos coas esculturas barrocas das igrexas larachesas, como as de santa María de Soutullo, Santiago de Vilaño e san Román de Cabovilaño. Ás veces, o poliño de madeira regálanos gorentosos froitos coma as cereixas da Festa de Peisaco, na parroquia de San Martiño de Lestón.

Un terceiro poliño mudou en ferro para converterse no arpón co que a península de Caión xunto coa península de Malpica -dous cetáceos de pedra- controlarían durante séculos a pesca da balea.

O cuarto poliño flúe na auga do Anllóns e de todos os seus tributarios; auga nutridora de pastos e de leiras; auga surtidoira da forza dos muíños; auga, en fin, sandadora dos males do corpo, como son as fontes de Santa Marta e de santa Lucía, en Soandres, para curar oído e vista respectivamente ou como é a Fonte de santa Margarida de Montemayor que alivia a gorxa dos seus numerosos romeiros.

Pero a galiña… Quen é a galiña? Pois é a propia terra larachesa, vizosa e fértil, o 11% de toda a produción de horta da provincia coruñesa, como comentaba nestes días en La Voz o alcalde López Varela. E todo este verdor débeo á impetuosa corrente de auga que pasa a carón de nós: ao río Anllóns, o protagonista principal da nosa obra de investigación.

En conclusión: non agardemos á véspera de San Xoán, nin nos quedemos espetados ao pé do castro de Montes Claros. Tódolos días do ano, en calquera curruncho da A Laracha podemos botarlle enriba a nosa gorra, o noso pano a todos e cada un destes poliños e á súa propia nai, apremiándolles: «Dádeme a vosa riqueza, que eu dareivos o meu esforzo por acadala!».