Vivir e contar

Patricia Blanco
Patricia Blanco EN PEQUENO

CARBALLO

10 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Dun tempo a esta parte subíronnos as revolucións por minuto. Aqueles que, por fortuna, aínda tivemos a sorte de poder pousar os pés nos anos finais dos 80 coñecemos un mundo máis calmado no que se podía facer só unha cousa a un tempo. Poucas xeracións virían despois, aínda que haberá excepcións, ás que se lle permitira tal privilexio, por básico que pareza. Hoxe xa nin sequera é posible só vivir, senón que tamén, parece, hai que contalo. O que se conta non existe, o que non se publica non ocorre, e así se entra nunha sorte de espiral no que xa non se sabe nin cal é a vida certa nin cal a contada, nin en que canle de información viu un tal cousa, nin se toca agora Twitter ou Facebook ou Instagram, nin se é tempo de comer ou mirar o móbil. Ler sen interrupcións, como se facía durante horas noutro tempo, antóllase reto complicado. Sempre hai algún bip-bip polo medio e toda resposta se quere para xa. Todo ha de ser instantáneo. Hai anos que emprendemos unha carreira que nos leva a estar onde non estamos e a pensar no que virá despois, sen saber o que hai agora. Non é cousa miña, aínda que todos padezamos algo disto. Mesmo hai algunha corrente que trata de deter esa ir a non se sabe onde para animar a ser consciente do momento, do presente. Chámanlle mindfulness e hai toda unha serie de recursos para traballalo. Nin sequera as sinais con límites de velocidade nos deteñen de todo. Ir sen présa parece que non é avanzar. Mais non é certo, e así o sabe ben aquela mesma persoa que me dixo que os ministros non estercan as galiñas. O outro día despediume así: «Para chegar axiña, vaite amodo». Pois iso, paremos...