Concha Blanco e Rosalía Fernández Rial teñen novidades editoriais dende a Costa da Morte

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

As dúas veñen de ver saír da imprenta sendos poemarios, editados por Embora e Xerais

27 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A propia Concha Blanco anunciaba semanas atrás nestas mesmas páxinas que axiña vería a luz un novo fillo de papel seu, un libro. Naceu en tempo de recollemento, de confinamento, e agora xa anda sendo distribuído dende a editorial Embora. O novo título desta autora tan prolífica é Oficios e profesións, poemas son. «A temática, presentada en poemas, non deixa de ser unha homenaxe a certos oficios e profesións que nestes tempos teñen unha difícil supervivencia», escribía ela ao relatar como estaban a ser no seu caso os meses de pandemia. A obra está ilustrada por María Brenn.

Basilio Bello

Tamén dende a capital de Bergantiños agroman novidades editoriais, desta volta a cargo de Rosalía Fernández Rial. Estes días andará chegando ás librarías Árbores no deserto: «Xa adquiriu dimensión corpórea!», celebraba a autora en redes sociais unhas cantas xornadas atrás, trasladando que viña de saír da imprenta este seu novo libro. Por el dá as grazas á editorial Galaxia e tamén a Francisco Castro pola «inmellorable oportunidade». Tamén no caso de Rosalía, coma no de Concha, trátase dun poemario.

Coa distancia do tempo, e sen esquecerse de María Canosa, que tamén ten novidades editoriais ben recentes, son Concha e Rosalía dúas das escritoras máis activas desta comarca. Haberá que agardar agora polas primeiras presentacións destas dúas publicacións en verso.