Regreso ao pasado saudable

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

CARBALLO

10 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Aalguén que vivira nunha casa antiga é difícil convencelo de que aquelas construcións eran máis saudables que as que se estrean hoxe, porque as de agora veñen coa etiqueta de confort e calidade. É certo que hai cen anos non tiñamos tantas novidades construtivas, pero a arquitectura estaba exenta de químicas receitas para seren confortables.

Pasamos de vivir en estruturas feitas con materiais naturais extraídos da natureza a fabricar contedores cheos de química, de electromagnetismos e radiacións, e o que é peor, impermeables. Cambiamos unha vida orgánica e ecolóxica a outra artificiosa e plástica. Cambiamos o cal polo cemento, a madeira polo plástico. Igual que pasa cos tomates e cos iogures, novas xeracións reclaman modos de vida máis saudables, e as industrias póñenlle os prefixos bio ou eco, que pretenden representar o natural de xeito moderno; pero en realidade os pementos ecolóxicos ou a bioconstrución non son máis que unha renuncia aos aditivos químicos que xurdiron da revolución industrial e un regreso a un pasado máis saudable, sen renunciar á innovación aprehendida.

Sabémolo polas investigacións publicadas que o consumo de produtos naturais é beneficioso para a saúde, porque o noso corpo foi deseñado para convivir coa natureza; sabemos que a química industrial pode aportar beneficios, pero tamén provoca outras alteracións e desordes. Por tanto, a biorestauración e a bioconstrución foxen do artificial por principio, utilizando os elementos que a natureza pon nas nosas mans para construír ou restaurar con criterios de saúde. Pódese estender, aínda que non se coñece polo nome, ao biourbanismo, que trata de facer cidades máis humanas e saudables.

Cada vez máis doenzas

Cada vez aparecen máis doenzas raras nos humanos por mor do estilo de vida e dos hábitos de consumo, dentro dos que se pode incluír a vivenda e o espazo urbano. Os materiais libres de aditivos químicos permiten a transpiración e a respiración é máis san que nun espazo contaminado por produtos industriais. Polo momento, as casas saudables saen máis caras polas leis do mercado e levamos 50 anos de atraso cos países veciños, eles mantiveron o tradicional.