Lixo de luxo

Carlos Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

CARBALLO

Arecente sentenza de Rande contra a explotadora da AP-9 non é mais que a punta do iceberg que se oculta aos galegos. É frecuente ter que circular entre conos -en ringleira e a 60, usando a metade- por labores de mantemento e conservación, pero o importe da peaxe cóbrano igual -dos máis caros da península-, sen dar o servizo.

Pero é que a infraestrutura que marca o ritmo económico do país foi pagada por nós varias veces, pero ningún euro dos que pagamos retorna a Galicia. Á marxe de que os propietarios son fondos voitre e perdemos a trazabilidade da recadación polo seu uso, os restaurantes e as gasolineiras son cataláns e portugueses. Nada queda en Galicia.

Cando a comezaron a construír, polos anos 70, definírona como «unha navallada ao país» e tiñan bastante razón, temos que comparala coas autovías asturianas, que apenas alteraron a paisaxe. Cando os primeiros americanos viñeron para comprala preguntaron se ao treito Santiago-Pontevedra lle chamabamos autoestrada, porque é unha serpe de cemento e asfalto, mal planificada e perigosa.

O da calidade do asfalto é escandaloso: non é permeable á auga, polo que cando chove é unha vía perigosa e hai que reducir velocidade. Cando cruzamos a ponte a Portugal dámonos conta porque o asfalto é permeable, e a plataforma é máis ampla. A nosa nin sequera ten espazos laterais onde están os teléfonos.

A autoestrada AP-9 é unha mostra de indignidade e desprezo aos galegos. Ata o punto de construíren un galpón de bloques á vista na área de Compostela e nin a Xunta lle obriga a recebalo como fai ao resto dos galegos.